Opinión

Soberanía e emprego

Si hai alternativas para criar emprego e si hai alternativas para impulsar unha política económica distinta

Si hai alternativas para criar emprego e si hai alternativas para impulsar unha política económica distinta. Se non fose así, estaríamos nunha sociedade totalitaria, rexida por unha única lóxica. Que acreditemos niso, na inevitabilidade das políticas en curso, é precisamente un dos obxectivos básicos das elites que controlan os poderes económico, político, financeiro e mediático. Na Galiza. No Estado. No planeta.

Nese sentido, pensamos que acerta de cheo a Confederación Intersindical Galega (CIG) ao pór negro sobre branco as súas alternativas para o crecemento económico e a creación de emprego. Até 100 medidas son as que dan forma a unha campaña coa que a central sindical quer dar o debate, non desde a abstracción metafísica, senón desde as propostas concretas.

"A soberanía ideoloxismo?", pergúntase Seixo e, a seguir, contéstase: "A soberanía é unha necesidade"

Nunha entrevista que publicamos no número 68 do noso semanario, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, pon a soberanía no centro dese debate. "A soberanía ideoloxismo?", pergúntase Seixo e, a seguir, contéstase: "A soberanía é unha necesidade". En realidade, non é posíbel irmos a unha mudanza sustantiva das condicións de vida das galegas e dos galegos se non é cambiando o statu político do país, isto é, se non é sobre a base de dar poder político a Galiza.

A dependencia está na orixe dos nosos problemas económicos e laborais, que non son conxunturais, mais si estruturais. Hai unha crise galega, específica, previa á do capitalismo mundial. A soberanía é a chave para remontala. A soberanía e a mobilización social, a participación da sociedade na defensa dos seus dereitos fronte ao totalitarismo neoliberal e centralista que nos goberna.

Comentarios