Opinión

Soberania si e agora

Agora é o momento. A historia non se detén e non agarda por ninguén.


Agora é o momento. A historia non se detén e non agarda por ninguén. O movemento soberanista galego está en marcha, fixo parte dos seus deberes -algúns dos cales, a constitución de Galiza pola Soberanía, GpS, foron saudados desde estas páxinas- e ten por diante de si desafíos enormes, entre eles a conquista de máis apoio social. Ese apoio non virá se o movemento se fecha nos despachos ou se conforma con ser levado a tertulias de medios non precisamente amigos da causa soberanista. Ese apoio só virá se somos capaces de saírmos abertamente ás rúas, a defendermos sen complexos os dereitos da nación galega. Aquí e agora, o dereito a sermos un país plenamente soberano.

O protagonismo debe ser social, mais a sociedade non é un ente abstracto, non é unha substancia amorfa. O protagonismo debe ser da sociedade e da política. Política con maiúscula. A política é a organización do ámbito público, dos intereses comúns, colectivos. Sen política non haberá soberanía. E sen forzas políticas nacionalistas, tampouco.

Sen política non haberá soberanía e sen forzas políticas nacionalistas, tampouco

A política con maiúscula é a política que tende ao diálogo entre os diversos, mais sempre coa condición dese diálogo se facer para avanzar e non para defraudar, non para desviar, non para enredar.

Diálogo para avanzar cara á soberanía plena da nación galega. Diálogo para colocar Galiza  nin un milímetro por detrás de Catalunya e Euskadi. Alí onde xa está Escocia. Co tempo que leve por diante, mais o importante é encetar a marcha. Saber cara a onde imos. E comezarmos a rota xa.

O diálogo positivo é o que practicaron once organizacións nacionalistas que subscribiron días atrás un manifesto de convocatoria á sociedade galega a participar nun masivo Día da Patria Galega. Sermos Galiza considera esa interlocución como necesaria e moi positiva. Ese é o camiño. Está nel a práctica totalidade das forzas que se din soberanistas e de esquerdas. Só falta unha Anova que, após unha Asemblea Nacional non exenta de tensión interna, continúa enfeudada a un discurso frente-amplista que só serve para dar acubillo na Galiza a unha forza de obediencia estatal.

Sociedade, pobo -canto máis pobo, mellor- e política -canto máis esclarecida política, mellor. Esas son as chaves que nos levarán á soberanía. Feliz e masivo Día da Patria Galega 2013!!

Comentarios