Opinión

Seis perguntas sobre a fraude das preferentes

  1. Que son as Participacións Preferentes (doravante, PPR)?Un produto financeiro complexo, un híbrido financeiro de capital diferente das accións e das participacións sociais (non outorgan dereitos políticos nin de suscrición preferente).

1. Que son as Participacións Preferentes (doravante, PPR)?

Un produto financeiro complexo, un híbrido financeiro de capital diferente das accións e das participacións sociais (non outorgan dereitos políticos nin de suscrición preferente). En realidade o de “preferente” venlle só porque en caso de liquidación da entidade emisora os seus titulares son os penúltimos en cobrar: só por diante dos accionistas.

As PPR teñen carácter perpetuo (non teñen vencemento), por máis que as entidades adoiten reservarse o dereito de amortizalas ao cabo de 5 anos previa autorización do Banco de España.

Non cotizan en Bolsa senón nun mercado de valores chamado AIAF, totalmente opaco e controlado polas proprias entidades emisoras. Na actualidade pódese dicir que este AIAF está inoperativo: nin as entidades tramitan as ordes de venda nin existe demanda, loxicamente, para adquirilas.

A remuneración das PPR, a diferenza dos títulos de débeda, depende de que a entidade emisora obteña beneficios distribuíbeis (cando NGB entrou en perdas deixou de remunerar as PPR) e non son acumulábeis.

Trátase, tal e como recoñeceu a CNMV, dun produto de risco que non se debería vender masivamente no tramo minorista, através da rede de oficinas, senón a investidores institucionais e experimentados. 

2. Que vantaxes oferecen ás entidades emisoras?

Cumprindo determinadas condicións (capacidade de absorción de perdas, carácter perpetuo e non acumulativo) as PPR integran, de conformidade co vixente Acordo “Basilea II” o capital de máxima calidade ou “Tier 1” das entidades de crédito.

A emisión de PPR supuxo, pois, unha vía fácil para caixas e bancos incrementaren os seus recursos proprios sen necesidade de ampliaren o seu capital (operación que transmitiría unha má imaxe aos mercados) ou de procuraren recursos nun mercado interbancario de cada vez menos amábel para as entidades españolas.

É por iso que apesar das advertencias en contrario, o Banco de España, a CNMV e o goberno español articularon coas PPR un acceso directo aos depósitos dos clientes. Non é só que consentiran, é que foron eles quen abriron butrón: é que foron cúmplices necesarios nesa operación que podemos cualificar como de fraude masiva. Primeiro Aznar, logo Zapatero e agora Rajoy alentaron e consentiron esta fraude masiva.

3. Cando se legalizaron as PPR?

Falando de PPR hai unha data de referencia: 4 de Xullo de 2003. Nesa data promungóuse a Lei 19/2003, sobre réxime xurídico dos movementos de capitais que estabelece, nas Disposicións Adicional 3ª e Transitoria 2ª a regulación das PPR no ordenamento español fruto dunha transacción, durante a tramitación da lei, entre PP e PSOE.

Antes de 2003 bancos e caixas españois emitían PPR através de empresas “pantalla” radicadas en paraísos fiscais (as illas Caimán), como forma de se financiaren cun custo fiscal nulo para os suscriptores. O certo é que se tratou dunha fraude fiscal masiva (de feito estaban abertas en 2003 senllas investigacións da Fiscalía Anticorrupción e da AEAT) mais grazas a un pacto entre PP, PSOE e CiU a citada Lei 19/2003, alén de regular substantivamente as PPR, estabeleceu unha amnistía fiscal (e penal) para as PPR anteriores á entrada en vigor da lei (http://elpais.com/diario/2003/03/26/economia/1048633202_850215.html). Nada de que se surprender á vista do tratamento que a banca privada recebe dos gobernos españois en forma de indultos e recursos públicos.

Apartir de 2003, coa entrada en vigor da lei, comeza a emisión e colocación masiva das PPR advertíndose un cambio no perfil dos suscriptores: se antes de 2003 eran grandes investidores particulares e institucionais apartir dese ano serán clientes normais das entidades, estafados por medio dunha campaña comercial agresiva e fraudulenta.

4. É certo, como dixo Núñez Feijoo, que este foi un problema criado polo bipartito?

En absoluto. E iso por dúas razóns: primeira, porque a autorización da emisión de PPR corresponde ao Banco de España. E, segunda, porque a maior emisión de PPR por parte de Nova Caixagalicia (1.162 millóns de euros, máis que todas as emisións anteriores de Caixanova de de Caixagalicia xuntas) é de data 30 de Decembro de 2010. É dicir, con Feijoo xa no goberno, despois de ter estalado xa o escándalo das PPR.

A proba do nove. Se tan preocupado está Feijoo polas PPR ten unha solución fácil: condicionar calquera saída para NGB á solución previa do problema das preferentes. Mais isto xa o pedíu o BNG no Parlamento e o PP votou en contra. Impórtalle máis Castellano que os 43.000 afectados polas PPR de NGB.

5. Que é iso da MIFID e como afecta ao problema das PPR?

MIFID son as siglas inglesas de Directiva de Proteción dos Consumidores de Produtos Financeiros. Esta Directiva comunitaria foi transposta no ordenamento español através dunha modificación da Lei do Mercado de Valores que entrou en vigor en Decembro de 2007. A opción lexislativa escollida fai que a proteción dos consumidores recaia non nos órgaos de consumo senón na CNMV que, ate a data, non fixo máis que folletos e recomendacións. Ainda non impuxo ningunha sanción.

En síntese a MIFID obriga ás entidades a investigaren, a meio de senllos testes, o perfil do cliente (para determinar, en atención á súa experiencia e formación, se é ou non un investidor de risco: test de conveniencia) e máis os seus obxectivos e situación financeira (test de idoneidade) co fin de lle aconsellar o produto máis adecuado. Na prática sabemos que tamén esta normativa foi incumprida abertamente por bancos e caixas.

6. Que vías hai para solucionar o problema?

Centrándonos en NGB, porque as demais entidades, dun ou doutro xeito, foron solucionando o problema (através do troco das PPR por accións ou do reintegro dos cartos). Ao non cotizar en Bolsa, NGB non pode acudir á vía do intercambio de PPR por accións.

Xuridicamente as vías son diversas. Debe desaconsellarse a vía da arbitraxe, por facer depender a solución na prática da vontade da entidade financeira e conlevar a renuncia ás accións xudiciais.

En vía xudicial civil caben dúas opcións: demandas individuais (fundadas nos vicios do consentimento na contratación das PPR – erro – e na falta de observancia, se a suscrición é posterior a Decembro de 2007, da normativa MIFID) ou colectivas (nas que a proba de debe xirar arredor da existencia dunha operación de fraude colectiva).

Porén, e á marxe da vía que cadaquén escolla individualmente, no BNG consideramos que este é un problema político que debe resolverse políticamente reintegrando a totalidade dos cartos ás persoas que, de boa fe, adquiriron estas PPR. Un goberno que xa entregou aos bancos máis de 115.000 millóns de euros e que cada venres nos estremece cun novo Decreto-lei ten a capacidade, se quere, de resolver o problema.

Por falta de oportunidades non é. Tanto no Parlamento galego como no Congreso o BNG presentou numerosas iniciativas instando aos gobernos galego e español a dar solución ao problema pola única vía posíbel: reintegrando aos investidores e investidoras de boa fe o 100% dos cartos que lles foron defraudados.

Comentarios