Opinión

Saída do euro ¿traxedia ou oportunidade?

Todo fai pensar que o euro, como moeda do conxunto dos 17 países da eurozona, está a punto de rematar. Neste intre a descomposición é tan avanzada que é difícil que as posíbeis rectificacións, máxime cando os intereses son tan encontrados, permitan tapar todos os buratos para conseguir que o barco estea en condicións de enfrontar as futuras tormentas, que semella serán moitas e moi fortes.

Todo fai pensar que o euro, como moeda do conxunto dos 17 países da eurozona, está a punto de rematar. Neste intre a descomposición é tan avanzada que é difícil que as posíbeis rectificacións, máxime cando os intereses son tan encontrados, permitan tapar todos os buratos para conseguir que o barco estea en condicións de enfrontar as futuras tormentas, que semella serán moitas e moi fortes. Que a situación é moi grave, con pouca marxe, a esta altura acéptano mesmo aqueles que o viñan negando acotío. Facían ese discurso malia que a a crise esmaga a maioría social e vai a máis, deixando en evidencia que o que realmente lles quita o sono son os lucros das grandes empresas e dar a máxima liquidez á banca.

As filtracións sinalan que existen estudos da Unión Europea nos que analizan o escenario dunha saída de Grecia. A directora do FMI, Christine Lagarde vai máis alá, e fala de que só hai tres meses para evitar que finalice a era euro. A inxerencia de altos dirixentes da UE en relación ás eleccións gregas, con todo tipo de ameazas a fin de condicionar os votantes, para que votaran aos partidos que apoian o protectorado imposto por Bruxelas (en beneficio de Alemaña e os estados da súa orbita), lesiona os dereitos democráticos máis básicos, asemade amosa a debilidade do proxecto neoliberal. En calquera caso, do que non existe dúbida, é que ademais de Grecia haberá outros países que deixen a eurozona. O Estado español, Portugal, e pode que mesmo Irlanda, teñen moitos puntos para se sumar a este afastamento non voluntario.

Que varios países saian da zona euro non ten porque significar a desaparición da UE. Non esquezamos que hoxe hai dez estados que non forman parte da eurozona, mais si da Unión. Agora ben, sería un paso atrás importante na globalización neoliberal, da que a UE é unha abandeirada, como proxecto estratéxico das clases dominantes. É lóxico que non lles resulte doado aceptar este atranco, que terá consecuencias sobre o proceso a nivel internacional. Asemade, tamén provocará a medio prazo un novo reaxuste entre clases, así como entre territorios, na propia Unión Europea.

Todo indica que o fracaso do euro daría lugar inevitabelmente a recomposición política e a unha renegociación do tratado da UE. Teñamos en consideración que, ademais, e non é algo conxuntural, o sistema está esgotado, polo que non responde axeitadamente a retos como: o ecolóxico, o demográfico, a carencia de materias primas e produtos enerxéticos. Daquela neste contexto as saídas sustentábeis virán da man de economías autocentradas. A globalización irracional, baixo a lóxica do beneficio empresarial, non se pode sustentar no tempo, a non ser cun carácter cada vez máis depredador e militar. Por este motivo Samir Amín afirma que vivimos na etapa do capitalismo senil. Mais, iso non significa que se caia só, por mor da súa barbarie. Esa tarefa dependerá, no fundamental, da mobilización social e da capacidade para erguer proxectos alternativos ao servizo da humanidade.

Neste contexto, a saída do euro, aínda que se escenifica polas clases dominantes como unha traxedia, é un camiño que cómpre percorrer, con todas as dificultades e custes que implica, para poder recuperar un chisco a economía e avanzar na construción de poder popular. É o primeiro paso para frear a centralización e concentración da economía, da cultura, do poder político, e poder avanzar na redistribución da riqueza e do emprego. Evidentemente un paso deste tipo (que centra o debate na soberanía) implicará unha renegociación do tratado da UE, unha recomposición interna dentro da mesma, e por que non, a saída dalgúns estados ou mesmo a desintegración. En todo caso, calquera destes escenarios abrirá unha fiestra para colocar en primeiro plano a cuestión nacional de Galiza e todo o que isto leva aparellado: dereito á autodeterminación, capacidade plena para decidir sobre a economía, o modelo social e o político, a normalización lingüística e cultural, etc.

Nesta conxuntura tan grave, as contradicións están moi agudizadas, e o sistema amosa con claridade os seus límites e tamén as formas máis agresivas. Como en toda conxuntura a cuestión política debe ser o centro do debate e do axer. Daquela, o nacionalismo, que debe dar respostas concretas para cada problema, ten que ligalos sempre ao proxecto estratéxico. Para deste xeito aumentar o nivel de conciencia e poder acumular forzas ao servizo dos intereses nacionais e sociais. Un proxecto estratéxico que debe ser referencia da maioría social, parte do seu imaxinario, e non só o programa congresual da vangarda partidaria. Debe ser así, porque neste contexto, unha revolución democrática ten que se apoiar na mobilización e organización política e social, e na confrontación institucional. Esta é hoxe a única alternativa para construír un futuro ao servizo das clases populares.

O descontente non pode acabar na indignación ou na espontaneidade, carentes dun proxecto alternativo organizado, con capacidade para derrotar as clases dominantes, xerando máis frustración. Exemplos deste tipo de procesos hai moreas, por exemplo, o movemento das asembleas de barrio en Bos Aires no ano 2001, que algúns partidos pensaron que eran o inicio da revolución. Tamén temos as protestas máis achegadas no tempo da praza Tahrir, de Exipto, e o acontecido en Tunisia, con desenlaces moi semellantes, xa que no fundamental só serviron para forzar unha recomposición que ampliou as alianzas que sustentan o neoliberalismo, mais debilitando as opcións rupturistas. Destes procesos temos moito que aprender, para evitar caer nos mesmos erros, aínda recoñecendo que as veces non é sinxelo por mor dunha correlación de forzas moi desfavorábel.

Comentarios