Opinión

Ollar atrás para irmos á fronte

      Pasan os derradeiros días deste 2012 en que ía acabar o mundo. Por toda a parte se fan balanzos e análises. E se perciben as evidencias. O primeiro que podemos constatar é, sen dúbida, que o ano que deixamos foi dunha dureza extraordinaria na guerra do neoliberalismo contra os dereitos sociais conseguidos ano a ano durante décadas.

Pasan os derradeiros días deste 2012 en que ía acabar o mundo. Por toda a parte se fan balanzos e análises. E se perciben as evidencias.
O primeiro que podemos constatar é, sen dúbida, que o ano que deixamos foi dunha dureza extraordinaria na guerra do neoliberalismo contra os dereitos sociais conseguidos ano a ano durante décadas. E nesta guerra tanto o goberno de Rajoy como o de Feijóo aliñaron co exército neoliberal, e non dubidaron en disparar as súas medidas contra as maiorías sociais.
O segundo aspecto a ter en conta é que Galiza entra no 2013 con máis desemprego, con máis pobreza, con menor nivel de vida, con menos capacidade de autogoberno, con menos orzamentos en educación, con máis despoboamento do medio rural, con mais desmantelamento industrial, con máis espolio de materia prima. Perigan os piares do benestar, cuestiónanse dereitos até agora incontestados.

A austeridade é a palabra, a nai de todas as palabras. Austeridade significa dureza, penosidade, penitencia, mais non en termos morais ou filosóficos. É a austeridade en termos económicos o que gobernou o ano que remata e iso significa maior riqueza para uns, máis pobreza para outros e que que unha parte da sociedade – a maior parte- se ve forzada a ficar de xoellos; que os bancos reciben máis diñeiro do que nunca e prestan menos para finalmente quedaren coas nosas casas.
Todo isto é verdade. Mais tamén é certo que os programas de cortes provocaron un tremendo rexeitamento social e sentaron as bases para facer fronte ás novas medidas que o goberno anuncia para 2013.

Sermos Galiza foi testemuña, en apenas un ano de vida, da voracidade e da irresponsabilidade do sector financeiro, ben protexido coa adecuada lexislación de gobernos amigos, e denunciou estas políticas de agresión contra as maiorías sociais. Fixémolo no 2012 e seguiremos a facelo no 2013. Porque esa é a nosa responsabilidade e o noso compromiso con Galiza, iso é o que nos permite ollar o futuro con optimismo e con realismo. Optimismo porque sabemos que podemos contribuír -por utilizarmos palabras de Carvalho Calero- á posibilidade de “rectificar a historia” e realismo porque por toda a parte comeza a evidenciarse que estas políticas só conducen a máis tensión social e non solucionan ningún dos problemas.

Comentarios