Opinión

O imperio do wa

 
Se compartes a experiencia durante un período breve de tempo, é imposible non sucumbir ao encanto da suavidade, da harmonía, da esencia do xaponés como “shakai jin” (ser social).

París, Colombia...Onde vai caer a bomba? Xusto cando Kim Jong-un anunciaba a data prevista para o lanzamento dos misís Musudan no mes de abril, atopábame eu nun dos puntos de tiro do seu ensaio balístico. O medio alcance dos artefactos, con capacidade para recorrer entre 3000 e 4000 kilómetros, xerou no goberno xaponés un estado de alerta permanente que se trasladou a diario na prensa nipona. Pero no imperio do wa, non son moitas as situacións que rompen a harmonía...

País do consumo fácil, do té verde, do budismo, das relacións verticais, do individualismo extremo, do sagrado, do zen,  das formas e, fundamentalmente, do grupo. Foron moitos os contrastes apercibidos, pero  non puiden evitar a mesma sensación que lle invadiu a Lafcadio Hearn cando visitou a illa a fins do século XIX, quedando abraiado pola súa urbanidade universal. Un país onde todo o mundo é extremandamente educado, ninguén discute, todo o mundo sorrí, non hai mostras de dor nin de pena e a policía case non ten traballo. Acaso é posible unha sociedade así?

Se compartes a experiencia durante un período breve de tempo, é imposible non sucumbir ao encanto da suavidade, da harmonía, da esencia do xaponés como “shakai jin” (ser social). Pero o propio Hearn descubríu que aquel envoltorio de apariencia era unha fachada levantada polo medo, por séculos de coerción exercida de xeito ininterrumpido, onde a conduta de cada persoa  era regulada pola vontade do resto.

"Se compartes a experiencia durante un período breve de tempo, é imposible non sucumbir ao encanto da suavidade, da harmonía, da esencia do xaponés como “shakai jin” (ser social)".

Foi entón cando se deixou entrever o paralelismo coa Galiza no que Lafcadio chamou “o goberno dos mortos”. O individudalismo e a esencia diferenciadora non se toleran; o medo e a coerción provocan a necesidade permanente de desculparse a todas horas ata convertilo nun ritual, porque graves son as consecuencias de infrinxir o sistema. Lembrábame tamén á esencia do ser galego, outro mecanismo específicamente xaponés: a ambigüidade. Moitas actitudes, ideas e sentimentos danse a entender dun xeito indirecto a través de insinuacións, frases ambiguas ou implicacións máis ou menos vagas...O seu desu ne viría a ser o noso non é? 

E como non sentirse ademáis un pouco na casa rodeada de grelos en flor por todos lados?

Teño que recoñecer que se tratou dunha experiencia única, que me asomei ao novo individualismo dunha sociedade grupista, que toquei superficialmente valores milenarios asentados en sociedades do século XXI, e que me tremou o corpo baixo os pés en varias ocasións... 

Pero cando aterrei escoitando de novo a Lamatumbá, tremóume o espírito, porque as bombas eran outras, pero a esencia era a mesma: máis xente inocente dentro da treboada...

Comentarios