Opinión

O ensino en Galiza dixo non á LOMCE

Hoxe, día 9 de maio, o ensino galego cerrou as portas á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) que pretende enterrar o ensino público e o dereito á educación. O profesorado e o  alumnado, co apoio dos pais e nais, conscientes da súas consecuencias perniciosas, secundaron a folga masivamente, amosando así que este conflito só ten unha solución: a retirada da LOMCE

Hoxe, día 9 de maio, o ensino galego cerrou as portas á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) que pretende enterrar o ensino público e o dereito á educación. O profesorado e o  alumnado, co apoio dos pais e nais, conscientes da súas consecuencias perniciosas, secundaron a folga masivamente, amosando así que este conflito só ten unha solución: a retirada da LOMCE

Hai máis dun ano que o PP presentou as bases da contrarreforma educativa que iría concretando nos tres anteproxectos que leva presentado e que completará  co proxecto que ten intención de aprobar no Consello de Ministros do venres, día 10 de maio. Desde o primeiro até o último anteproxecto, os cambios limitáronse a cuestións secundarias e a maquillar aqueles aspectos máis reaccionarios e mercantís, dos que daba conta o preámbulo, que clarificaban as verdadeiras motivacións e obxectivos que o PP pretende coa LOMCE. Mais, no articulado, persiste en todos aqueles aspectos perniciosos, españolizadores, confesionais, privatizadores e elitistas que foron acrecentados no segundo anteproxecto, mediante a fixación dun modelo lingüístico encamiñado á desaparición do galego como lingua de ensino. 

"Por primeira vez,  unha lei orgánica educativa regula o modelo lingüístico das nacións do Estado, co obxecto de impedir o ensino nas linguas propias de cada territorio".

Por primeira vez,  unha lei orgánica educativa regula o modelo lingüístico das nacións do Estado, co obxecto de impedir o ensino nas linguas propias de cada territorio. O goberno necesita asegurar todas as vías de doma e castración do noso pobo e, para iso, combate e cerna toda posibilidade de que o ensino contribúa á normalización lingüística e á galeguización. A LOMCE estabelece avaliacións exteriores e retoma as reválidas franquistas cunha dobre función: expulsar unha parte importante do alumnado do sistema educativo e uniformar e españolizar o ensino, xa que o deseño, a elaboración e a cualificación son atribucións que se lle outorgan, unicamente, ao MECD. A LOMCE somete e planifica o ensino en función dos intereses da patronal do ensino concertado e da Conferencia Episcopal. Por iso, suprímese  o dereito a ter unha praza no ensino público e, pola contra, garántese o dereito a ampliar unidades concertadas en detrimento das públicas. Facilita os concertos educativos en centros que segregan alumnado por razón de sexo e a relixión non só segue formando parte do currículo escolar senón que, agora, o alumnado que non opte polo adoutrinamento relixioso é “castigado” co estudo dunha materia alternativa que terá  valor académico.

Todo o anteproxecto de lei esta impregnado de postulados que consideran a Educación unha mercadoría máis de consumo, á que se accede en función da clase social á que se pertenza e non en función de  garantir un servizo público  que facilite a igualdade de oportunidades para todos e todas. Son múltiples os mecanismos, mais alá dos concertos educativos, que a LOMCE estabelece para reforzar a mercantilización e a privatización da Educación. Fixa un modelo educativo desigual, competitivo e clasista, dota de maiores recursos os centros nos que o alumnado teña mellores resultados e promove a especialización curricular para conformar centros de excelencia, previa selección do alumnado, baixo criterios discriminatorios, que terá como consecuencia un ranking dos mesmos, desvalorizando a educación dos centros  peor clasificados. A visión mercantil e empresarial tamén se manifesta no sistema de xestión dos centros,  que se transforma nun modelo organizativo empresarial totalmente xerárquico, piramidal e unipersoal,.Baleirase de competencias os órganos colexiados  para concentralas todas na dirección que será elixida pola Consellaría de Educación, eliminando a participación e a cooperación do profesorado.

"Facilita os concertos educativos en centros que segregan alumnado por razón de sexo e a relixión non só segue formando parte do currículo escolar senón que, agora, o alumnado que non opte polo adoutrinamento relixioso é “castigado”

 A LOMCE  programa un modelo educativo baseado na rendición de contas, en función exclusiva dos resultados e da excelencia académica, sen ter en conta o proceso educativo no seu conxunto, o contexto socioeconómico e a estratificación social. Os obxectivos son a empregabilidade, a excelencia académica e o espírito emprendedor e empresarial, chegando á paranoia de fixar  para segundo de ESO unha  materia denominada Iniciación á  actividade emprendedora e empresarial, cando o sistema educativo ten que  garantir unha formación completa e integral para todos e todas. 

Os obxectivos do sistema educativo deben planificarse en función das nosas necesidades, de acordo coa nosa realidade social, económica e cultural, para potenciar e valorar a nosa identidade e promover a desactivación da colonización que, ao longo dos séculos, foron inoculando e asentando no noso pobo. Como galegos e galegas precisamos un modelo educativo totalmente diferente. E para iso, é imprescindíbel que teñamos capacidade de decisión para romper as cadeas de dependencia e de submisión que son a causa da destrución, do estigma e da negación da nosa condición nacional. Cómpre un rotundo cambio para mellorar a educación no sentido oposto ao estabelecido na LOMCE. Non acreditamos en ningún marco lexislativo estatal que non se alicerce no recoñecemento e na asunción do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico do Estado, que non  asuma a defensa inequívoca do ensino público e laico e  que non  facilite  a igualdade de oportunidades e o dereito universal a unha educación de calidade para todos e todas. 

"Despois dunha folga maioritariamente secundada, sobre todo en Galiza, onde a participación foi máis considerábel, o democrático sería retirar o proxecto de lei e que o sr. Wert e o sr. Vázquez se dedicasen a outros cometidos"

Desde a CIG-Ensino, fixemos un traballo intenso para informar e debater sobre as implicacións da LOMCE, recollemos máis de 10.000 sinaturas do profesorado en contra da mesma e participamos, como membros da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, en diferentes accións e mobilizacións que fixeron posíbel que a folga de hoxe tivera o apoio maioritario en Galiza. Despois dunha folga maioritariamente secundada, sobre todo en Galiza, onde a participación foi máis considerábel, o democrático sería retirar o proxecto de lei e que o sr. Wert e o sr. Vázquez se dedicasen a outros cometidos diferentes aos de ministro e conselleiro, respectivamente.  Mais, seguramente, mañá  non será este o escenario e o PP continuará coa súa apisoadora. Do que si estamos certos é de que as consecuencias da  aplicación desta lei serán tan destrutivas e tan malignas para o ensino público galego e para a igualdade de oportunidades que a súa vixencia non terá un longo percorrido. O noso compromiso é firme: combatela até a súa desaparición!

 Santiago, 9 de maio de 2013
 
 Anxo Louzao  Rodriguez