Opinión

Neutraliza-las alcaldías do Partido Popular

É necesaria a continuidade das mobilizacións (gloria a Ferrol!) contra as políticas de recortes e de abafamento neoliberal coas que nos está a laminar este sistema. En Cangas, por pór un outro caso, levanse a cabo marchas pola vila tódolos venres dende hai case un ano. Con todo, non é dabondo. Hai que implementar máis accións, mellorar esas que xa se realizan, desenvolver outras novas e seguir a traballar co horizonte posto na convocatoria doutra folga xeral. Estaría ben que o paro exemplar da comarca de Ferrol fose o desencadeante, tal que nas mobilizacións de 1972. 

 

É necesaria a continuidade das mobilizacións (gloria a Ferrol!) contra as políticas de recortes e de abafamento neoliberal coas que nos está a laminar este sistema. En Cangas, por pór un outro caso, levanse a cabo marchas pola vila tódolos venres dende hai case un ano. Con todo, non é dabondo. Hai que implementar máis accións, mellorar esas que xa se realizan, desenvolver outras novas e seguir a traballar co horizonte posto na convocatoria doutra folga xeral. Estaría ben que o paro exemplar da comarca de Ferrol fose o desencadeante, tal que nas mobilizacións de 1972. 

En Euskal Herria, como xa é ben sabido, xa van pola sexta folga dende o 2008 tendo, así e todo, unha situación menos desfavorábel que a galega cunhas taxas de desemprego de algo máis do 10% en Guipúscoa e 14-15% nas restantes provincias. Por outro lado, e por máis que se intente que non se saiba, a provincia guipuscoana conta, grazas a EH Bildu, cunha blindaxe sen precedentes contra a reforma laboral.

No noso país cómpre unha maior concienciación social sendo esa tarefa para desenvolver por todas e por todos. Temos que persuadírmo-las compañeiras e compañeiros naqueles ámbitos todos polos que nos movemos: nos centros de traballo, de ensino, na fileira do paro, no bar, e nas agrupacións sexan estas asociación culturais, veciñais ou de calquera outra índole.

"Esta situación crítica e irreversíbel dentro deste sistema non nos ten que facer caer no absoluto pesimismo nin en ningún tipo de desacougo. Polo contrario, conscientemente ten que ser ese o aliciente que nos proporcione folgos e afouteza"

Está claro xa que non se pode fuxir da análise que conclúe que hoxe, máis ca nunca, é necesaria a unión e a acumulación de forzas para frea-lo avance do capital. O frontepopulismo que comentabamos na última xeira. E falamos do ámbito local como do nacional e –por que non?- tamén podería trascender ó estatal. Referímonos tamén a máis dun plano de actuación: a cuestión institucional e de comicios electorais como a da amentada mobilización permanente e sistemática na rúa en apoio, sobre todo, daqueles sectores máis castigados pola crise. 

Curiosa palabra esta, a “crise”. Enganosa tamén. A crise non é do capitalismo, non a padece o sistema financiero senón que máis ben se ceba a conta dela.

A que está en crise é, sen dúbida, a maioría social que somos as e os que padecémo-las consecuencias deste retroceso sen parangón en dereitos socio-laborais e socio-políticos. De feito, o capitalismo nunca tan ben estivo. A proba é que non deixa de apretar e apretar con leis e regulamentos emanados destes gobernos, estas democracias parlamentares burguesas de cartón-pedra. Para reparar nisto abonda cunha mirada superficial e cun lixeiro repaso ós últimos vinte e cinco anos da nosa historia mundial e de como se foron sucedendo os acontecementos, os tratados en Europa e no mundo. Non diremos máis nada.

Con todo, esta situación crítica e irreversíbel dentro deste sistema non nos ten que facer caer no absoluto pesimismo nin en ningún tipo de desacougo. Polo contrario, conscientemente ten que ser ese o aliciente que nos proporcione folgos e afouteza para tumbar esta ditadura lexitimada. Paga a pena mobilizarse como en Turquía e paga a pena loitar como en Atenas. Apostemos nós tamén pola intervención directa aboando o terreo xa para xuntarmos un grande contixente de soldadas e de soldados que fan falla para nos ir encamiñando cara a Revolución. Con tódalas letras.

E agora resulta que hai xente que cae na conta de que o terceiro mundo non está só en África senón que tamén o temos aquí. E parece que agora reparamos tamén en que o “estado de excepción” non o padece só Euskal Herria senón que se dá en todo o Estado Español como resposta ós movementos contestarios co réxime borbónico. Parabéns ós que chegaron hai pouco a estas conclusións. Parabéns por chegaren a unha análise que algúns e algunhas xa viñan denunciando dende hai anos. Parabéns, por tanto, porque partíndomos todas e todos da mesma avaliación da situación coordinaremos mellor a nosa reposta, planificaremos e organizaremos con maior eficacia as estratexias a desenvolver. Pero o mellor de todo é que todo ese traballo poderémolo levar a cabo dende a unidade de acción. As convocatorias sindicais unitarias para as marchas do pasado vran nas cidades galegas dan boa conta da necesidade de aglutinar esforzos e de como responde ante esa estratexia a nosa sociedade. Unha marcha de 110.000 persoas nunha cidade como Vigo non me parece unha cifra nada desdeñábel e menos aínda se o adobiamos coa concorrencia de tódolos axentes e personalidades sociais e políticas da esquerda. Unha contestación continuada e unhas mobilizacións máis dese carácter tumabarían o goberno de Rajoy, pero non se fai. Tampouco lle recordaremos ás asisadas lectoras e lectores do Sermos o porqué.

Son moitos os sectores sociais que están nunha situación crítica. Sen esquecer a ninguén nomearemos agora os Afectados pola Hipoteca e os Preferentistas, esas e eses estafados no “corralito español”. Habendo milleiras de afectadas e de afectados nin o goberno da Xunta nin o de Madrid tiveron a ben intervir ata o de agora para emendar uns casos tan dramáticos e tan inxustos de latrocinio en cantidades masivas e sen ningún tipo de pudor. Gobernos como os de Feijó e de Rajoy non só eluden responsabilidades senón que, esta semana, veñen de lle dá-lo visto e prace a unha nova “quita” ante a perplexidade das estafadas e estafados. Noutras ocasións non andaron tan pasotas e actuaron de oficio como cando puxeron a furrular ó Fiscal Xeral do Estado encausando a Otegui por chamar a El-Rei “Xefe dos Torturadores”. 

"Chegou a hora de que estas alcaldías do PP presionen en instancias superiores do seu partido e dos gobernos para que se interveñan eses bancos e se tomen medidas reais e contundentes para que toda esta xente recupere os seus cartos".

No noso país varios gobernos locais en mans do Partido Popular acudiron a apoiar, moralmente máis ca nada, ás súas respectivas veciñanzas afectadas e arrexuntadas en plataformas comarcais. Mais eu creo que xa transcorreu tempo dabondo, un tempo máis que prudencial para que estes representantes locais fagan algo máis por estas veciñas e veciños ós que representan. Chegou a hora de que estas alcaldías do PP presionen en instancias superiores do seu partido e dos gobernos para que se interveñan eses bancos e se tomen medidas reais e contundentes para que toda esta xente recupere os seus cartos. A mellor maneira que teñen de presionar é ameazaren arriba con deixar de militar no Partido Popular. Ese tipo de medidas son as que lles temos que esixir ás alcaldías nas que gobernan como colaboradores necesarios e verdadeiros mantedores da base social do PP en Galicia e en todo o Estado. Evidentemente, para exixir medidas como esta (nalgunha localidade xa se exixiu) teñen que saír da propia plataforma de afectadas e afectados nas que sempre pode haber algunha ou algún abducido do PP que, malia perde-los seus cartos, se dedique a entumece-las accións de protesta a desenvolver.  Sobre todo se se lle dá a voz cantante.

En todo caso, tal  vez a nosa estratexia de apoio a estas vítimas do capital  e como tentativa efectiva de derruba-lo réxime borbónico debera comezar polo ámbito local presionando a estes bandullos agradecidos que pretenden lavarse as mans como Poncio Pilatos cando son claramente parte do problema e o resorte para manter a boa parte da sociedade esclertotizada mentres é roubada, desafiuzada, etc. Neutralizar, xa que logo, os cargos locais do PP como primeira fase da rebelión cívica. Eles tampouco poden eludir a súa culpa neste entramado e teñen que decidir se están co poder financeiro,  como o están en Génova e en San Caetano, ou se están coas veciñas e veciños que os votan e coñecen nos seus municipios.

Quizabes deberá ser ese un camiño polo que tirar tendo en conta a traxectoria histórica e o papel recente dos dous grandes sindicatos españois. Non sei se as súas bases moverán ficha pero a clase traballadora galega non precisa de representantes que sexan recibidos en Zarzuela. E, por suposto, unha nosa folga nacional fai falla, engarzando con este novo camiño aberto polo pobo digno do Ferrol.

Comentarios