Opinión

Máis que unhas municipais

Non nos enganemos: o 24 de maio non se vota só a escolla de concelleiras e concelleiros.

Non nos enganemos: o 24 de maio non se vota só a escolla de concelleiras e concelleiros. Exprésase tamén un posicionamento político xeral con vistas ás eleccións lexislativas estatais de novembro ou decembro. Así serán lidas. E de aí poderemos tirar conclusións sobre o peso político da Galiza no Estado e sobre a afirmación -ou non- por parte do noso pobo dun proxecto nacional galego.

O nacionalismo -o BNG-Asembleas Abertas- está a asumir en solitario a necesidade de blindar un espazo galego de decisión, sen o cal calquera conquista da soberanía para Galiza sería unha perspectiva ilusoria. Faino contra as demais forzas políticas -as tradicionais, PP e PSOE, e as emerxentes, Podemos, Ciudadanos, Mareas- que asumen como único marco o español, estatal, unhas de forma aberta e outras desvergoñadamente camufladas baixo a roupaxe do municipalismo.

Agora que Podemos arría a bandeira rupturista para procurar apenas o desprazamento do PSOE como partido socialdemócrata, a única perspectiva que fica por diante para realmente rachar co statu quo é a nacionalista

A seis meses dunhas eleccións xerais non vale pór valados ou xogar ao cantonalismo. Boa parte dos problemas básicos dos concellos galegos teñen a ver tamén coa articulación do territorio e, polo tanto, non se poden vir a resolver se non é desde unha visión nacional galega. Alén do máis, agora que Podemos arría a bandeira rupturista para procurar apenas o desprazamento do PSOE como partido socialdemócrata, a única perspectiva que fica por diante para realmente rachar co statu quo é a nacionalista, en coordenadas de progreso para as maiorías sociais.

Son máis que unhas municipais. Teñámolo en conta o 24M.

Comentarios