Opinión

Internet e a liberdade

Non é segredo ningún que eu son un ciberactivista monotemático entregado á causa das redes sociais, da internet, do virtual, entendido sempre como unha posibilidade de comunicación practicamente inesgotable.

Non é segredo ningún que eu son un ciberactivista monotemático entregado á causa das redes sociais, da internet, do virtual, entendido sempre como unha posibilidade de comunicación practicamente inesgotable. Como digo sempre, grazas a que existe Internet, o galego, silenciado sen disimulos polos medios de comunicación tradicionais, é quen de ter máis presenza, e xa entrando en cuestións aínda máis importantes, a Rede permítenos espallar aquelas informacións, opinións e pensamentos que ao poder desagradan e que, ceibes polas autoestradas da fibra óptica ou das redes wifi, rematan chegando onde deben chegar: á conciencia e ao corazón dos que queren saber.

Sen embargo, en ocasións éntranme dúbidas razoables arredor do que veño de escribir no parágrafo anterior, pois non é a primeira vez nin será a derradeira, na que constato que o comportamento de moita xente na Internet é máis ou menos semellante ao que manteñen fóra da mesma. E que en troques de aproveitar que nos miles de millóns de páxinas o que hai é miles de millóns de fiestras polas que ver diferente, o que fan é consumir a mesma morralla que, sobre todo, a televisión ofrece. Así, non hai día no que non sexa TT en twitter algún asunto relacionado con calquera reallity ou que non apareza o nome dalgún futbolista ou famosiña da prensa de cores cardíaca como o Asunto Fundamental do que todo o mundo está a falar.

Todo isto ven a conta do informe anual de Google, o popular buscador, que nos deprime ao sinalar que entre os termos máis buscados no ano 2012 no estado español están Mitele (vedes?), Gran Hermano 12+1 (vedes?), Apalabrados (un xogo para móbiles, vedes?), e outros asuntos transcendentes polo estilo. Das persoas máis buscadas, moita tía boa da tele, tamén.

Internet é unha fiestra, si, á liberdade. Mais tamén ao patio veciñal, ao lercheo e á rexouba da peor calidade. Igual por iso non damos espabilado, a pesar de termos a ferramenta, ou unha delas, perfecta.