Opinión

Iago Aspas nunca camiñará só

Adoitaba dicir o ex adestrador do Celta, Paco Herrera, que Iago Aspas é un dos poucos futbolistas da rúa que quedan

Adoitaba dicir o ex adestrador do Celta, Paco Herrera, que Iago Aspas é un dos poucos futbolistas da rúa que quedan. Nestes tempos de escolas de fútbol e rixideces tácticas, Aspas é un futbolista rara avis, un rapaz que comezou correndo detrás dun balón nas praias de Moaña sen máis pretensión que a de xogar ao fútbol e se converteu no máis recente mito do celtismo. Cunha técnica e creatividade inusual nun fútbol tan mecanizado, polas súas veas corre sangue apaixonado polo fútbol. Só deste xeito se entende o seu debut o seis de xuño de 2009 co primeiro equipo do Celta cando Eusebio Sacristán lle botou enriba o peso dun equipo que miraba a Segunda división B de esguello. Aspas entrou no segundo tempo e cambiou a dinámica do partido marcando dous goles, volvendo tola á defensa rival e certificando a salvación do Celta.

Coa chegada de Herrera ao banco celeste, Aspas gañou en serenidade. O adestrador pacense foi quen de facer de Aspas un mellor xogador de fútbol e de domar a súa desaforada paixón dentro do terreo de xogo, alén de mudar a súa posición da media-punta a dianteiro centro, converténdose nun goleador letal e facendo, deste modo, que o equipo gravitase sobre el. Aspas, pola súa banda, foi quen de manexar o seu carácter nas situacións de tensión nos partidos e converteuse nun xogador aínda máis sagaz e intelixente.

Cunha técnica e creatividade inusuais nun fútbol tan mecanizado, polas súas veas corre sangue apaixonado polo fútbol.

Aspas tornouse nun dianteiro insidioso, persistente, tenaz, que non dá un pase por perdido até que acaba saíndo pola banda o balón e que se anoxa cando non lle pasan unha bola que el xa ve entre os tres paos. Vibrante, apaixonado, comprometido cunhas cores, Iago, co seu corpo miúdo, é capaz de poñerlle ao partido unha intensidade e ritmo letais até gastar as forzas que non lle quedan polo seu equipo. Esa paixón levouno a marcar goles fermosos e realizar partidos que quedarán para sempre na retina dos afeccionados do Celta. O reverso desa paixón foi o episodio decepcionante vivido no último derbi entre o Celta e o Deportivo en Riazor cando, nunha arroutada, asinou a cabezada a Marchena que o deixou na casa durante catro partidos, todo un suplicio para un xogador que non é quen de ver un partido do seu equipo sen participar del. A afección celeste quedou dividida no seu amor cara ao astro moañés, pero o gran Aspas sempre volve, sempre está disposto a gañar o perdón dos seus, e que mellor día que na súa despedida do celtismo. Contra o Espanyol deixou a súa última xenialidade, un regate perfecto a Colotto que lle serviu para regalarlle a Natxo Insa o gol que significaba a permanencia do Celta na máxima categoría do fútbol.

Este devoto do fútbol vestirá o ano que vén a mellor camisola posible, a dos 'Reds'. Aspas chega a un dos grandes clubes do mundo, que sabe o que é o traballo da canteira e que entende á perfección esa paixón de Aspas polo fútbol. Un clube namorado do fútbol que atopou a outro namorado do balompé polo camiño. Sen lugar a dúbidas que ese tándem vai dar grandes tardes de gloria aos afeccionados do Liverpool e que Anfield acabará cantando o nome de Aspas en máis dunha ocasión. Os que desfrutaron dos seus grandes momentos saben que o mellor Iago está aínda por chegar e que de seguro lle espera un futuro cheo de ledicias e triunfos. A pesar do salto xeográfico, cultural e idiomático que implica este cambio, o '10' forxado na Madroa 'nunca camiñará só' porque o fútbol é un idioma universal e el saberá leelo á perfección.

Comentarios