Opinión

Un goberno que non cre na nación

Como está a nación? Mal e non podía ser doutro xeito, tendo en conta que quen a goberna non cre nela.  

 

Como está a nación? Mal e non podía ser doutro xeito, tendo en conta que quen a goberna non cre nela. Non acredita nas súas potencialidades. Non pelexa polo seu desenvolvemento material nin por garantir mellores condicións de vida para o pobo. Tampouco se emprega a fondo para que teña máis peso político no Estado, nun momento crucial, cando até os sectores máis inmobilistas do PP saben que o statu quo de 1978 está superado pola historia e que, máis cedo que tarde, se abrirá un novo proceso constituínte.

Se ollamos as cousas desde unha óptica supra-partidaria, o debate non foi útil para o país. Non saíu del Galiza máis afortalada. Que mensaxe enviamos como país a Madrid poucas semanas após Catalunya ter aprobado a Lei de Consultas e Escocia ter celebrado o seu referendo autodeterminista? Pois ningunha mensaxe, certamente, ou como moito a de que Galiza non vai ser un problema para España, a de que se vai facer a un lado na actual briga política.

Que mensaxe enviamos como país a Madrid poucas semanas após Catalunya ter aprobado a Lei de Consultas e Escocia ter celebrado o seu referendo autodeterminista? 

Certo é que Feijóo quixo mostrar un perfil algo máis autonomista no plano retórico e até fixo algunha crítica ás políticas de abandono do noso país practicadas secularmente polo Estado español. Mais eses reproches en ningún momento se viron completados con propostas para o alargamento do autogoberno de Galiza. Iso sempre pode esperar, veu dicir Feijóo. Nunca é o momento para Galiza. En realidade, non se trata de esperar máis ou menos, trátase de acreditar que o autogoberno nacional é a principal solución aos nosos problemas colectivos. E o PP non acredita niso, nin o PP nin as outras forzas políticas estatais (PSOE e a IU representada en AGE).

Así as cousas, foi Jorquera quen, practicamente en solitario, puxo sobre a mesa a demanda do recoñecemento do dereito de Galiza a decidir. Beiras fixo algún amago nesa dirección, mais non puxo aí o acento e si na apelación á unidade popular, fórmula retórica que, traducida, significa unidade coa esquerda española de IU e Podemos. 

No fondo, a cuestión chave está en pór a soberanía por diante das apelacións xenéricas a un cambio social que é partillábel por calquera formación minimamente progresista. E aí , na defensa desa cuestión chave, só milita quen continúa a defender que o progreso do país pasa por forzas políticas propias e por decidirmos nós o noso futuro.

Comentarios