Opinión

Folga xeral para avanzar na loita

Unha nova folga xeral é indispensábel. Por mor das consecuencias das graves medidas despregadas polo goberno de Rajoy nestes poucos meses como, sobre todo, pola nova vaga de recortes que se aveciñan tras os comicios autonómicos en Galiza e Euskadi.

Unha nova folga xeral é indispensábel. Por mor das consecuencias das graves medidas despregadas polo goberno de Rajoy nestes poucos meses como, sobre todo, pola nova vaga de recortes que se aveciñan tras os comicios autonómicos en Galiza e Euskadi. Co risco dunha intervención europea ás bravas --na forma dun 'rescate duro' e a conseguinte radicalización da ofensiva contra a maioría social-- como pano de fondo, a convocatoria dunha nova xornada de folga amósase como un paso imprescindíbel para fortalecer a contestación social.

O sindicalismo nacionalista e de clase exerce, de xeito indiscutíbel, o liderado da contestación en Galiza. A decisión de non fixar polo momento a data da Folga Xeral que promove desde hai meses é unha demostración palpábel dese liderado. A CIG, quer favorecer --como sempre defendeu-- a máxima unidade de acción. Esa unidade debe substanciarse nun proceso mobilizador que sexa compartido por CCOO e UGT, como está a suceder desde antes do verán desenvolvendo un bo número de accións conxuntas e actuando de xeito unitario en importantes conflitos, como os que afectan ás e aos empregados públicos.

Mais a unidade, sempre desexábel, non pode ser nunca un factor que limite ou que non permita o avance do proceso mobilizador. Do contrario resultaría contraproducente e ficaría contraindicada. Conforme se agravan as agresións contra o pobo, por instrución e en beneficio da oligarquía empresarial e financeira trasnacional, é necesario que o reaxer social se radicalice avanzando a fórmulas superiores de loita. En tanto que batan cada vez con máis forza, faise necesario non só manifestar oposición ou resistencia senón favorecer unha contraofensiva.

Proxectar espellismos que atenuen, deformando, o retrato do que estamos a vivir, alén de constituír unha diagnose errada, unicamente contribuirá á confusión, sementando falsas esperanzas que han resultar en frustración. Non enfrontamos unha conxuntura, non se trata dun impasse. O alcance sistémico, estrutural, da vixente crise do capitalismo refuta esa inxenuidade. O que se aveciña non é unha volta atrás, recuperando o terreo que perdemos nestes anos de ofensiva do capital no marco da loita de clases, senón un agravamento continuado e progresivo da situación actual. No económico e no político ficamos ás portas da fame e do fascismo, respectivamente. Non é unha esaxeración. Os indicadores sociais sinalan un empobrecemento moi acelerado de amplas capas de poboación e o agromar de novas bolsas de pobreza extrema. Así mesmo, a ofensiva ideolóxica -coa súa amplificación mediática- está a favorecer as condicións para a (re)aparición do fascismo, que cabalga máis unha vez sobre o discurso antipolítico e a feroz represión.

Porén, este cadro é evitábel. Como mínimo, podemos e debemos tentar impedir que se materialice. Para tal fin é necesario, en primeiro lugar, socializar unha diagnose acaída da situación, que refugue de formulacións simplistas que reducen a doenzan (sistema) a apenas algún dos seus síntomas (especulación, financiarización...). Isto é, dicirlle ao pobo a verdade, sinalando o verdadeiro alcance do problema.

En segundo lugar faise preciso enunciar unha alternativa transformadora, superadora das raquíticas fórmulas posibilistas, que como mínimo ha de pasar por un cambio de modelo socioeconómico que rachando co paradigma neoliberal -e a falsa socialdemocracia cómplice- nos permita avanzar cara á superación sistémica do actual réxime de desiguladade, inxustiza social e explotación que é o capitalismo. Esa alternativa no noso país, dada a situación de dependencia forzosa que padece Galiza, só se poderá artellar sobre unha formulación nidiamente soberanista, para dotar ao noso pobo da plena capacidade de decisión que nos permita rachar coas políticas antisociais impostas polo Estado español, sometido aos ditados da troika, como está a propor o BNG.

Por último sitúase a necesidade de poñer en acción o descontento; que a conciencia (da magnitude do problema e da necesidade dunha ruptura radical) se convirta nun proceso activo de empoderamento das clases populares, nomedamente a través da mobilización.

CCOO e UGT terán que resolver nas vindeiras semanas até que punto están dispostas a converxer na loita social, determinando se a súa aposta mobilizadora actual é apenas estética e oportunista, ou se pola contra están en disposición de avanzar nese vieiro, rachando ou superando o lastre das prácticas pactistas que caracterizaron a ambas centrais nos últimos anos. Nese sentido, teñen que tomar unha decisión concreta e definitiva a respecto da convocatoria dunha nova Folga Xeral, sexa en Galiza ou a nivel de Estado.

Agardemos que se confirmen os rumores e desde as súas mobilizacións do vindeiro día 15 anuncien a convocatoria de folga. Do contrario, o sindicalismo nacionalista deberá asumir en solitario a responsabilidade de facelo.

Non podemos darlle máis vantaxe, nin tempo, aos inimigos do pobo.

Comentarios