Opinión

O ensino é a chave. O PP sábeo ben.

Comeza un novo curso escolar e comeza coa comunidade educativa radicalmente enfrontada aos gobernos do Partido Popular, quer o de Mariano Rajoy quer o de Núñez Feijóo.

Comeza un novo curso escolar e comeza coa comunidade educativa radicalmente enfrontada aos gobernos do Partido Popular, quer o de Mariano Rajoy quer o de Núñez Feijóo. Non é por acaso: a educación pública está a sufrir os devastadores efeitos das políticas do PP, que se caracterizan por ser á vez neoliberais e españolistas. A dereita ten un proxecto, que é o de entregar os servizos públicos, a comezar polo ensino, ao capital privado. Iso é común en Madrid e na Galiza. Mais o proxecto "educativo" da dereita non se esgota aí e ten como albo a destrución das identidades nacionais distinta da española. O obxectivo, confeso, é a españolización. Non só das crianzas catalás, tal e como no seu día revelou Wert, senón tamén das galegas. E ese fenómeno -o de ataque á lingua propia, o da negación, ocultamento ou manipulación da historia nacional- dáse aquí na Galiza, e non en Madrid, obviamente.

O proxecto "educativo" da dereita non se esgota na privatización e ten como albo a destrución das identidades nacionais distinta da española

A privatización da educación, o reforzamento do seu carácter clasista, a segregación por sexos, o retorno do credo nacional-católico ás aulas, non son eslóganes abstractos cos que a comunidade educativa comprometida con Galiza como nación quer axitar as aulas. Non, é a realidade empírica, é o día a día dos centros de ensino no noso país. A mesma Administración galega que fecha 63 unidades na escola pública concerta 79 novas na escola privada. Esa é a súa aposta. Enfeblecer o público e alargar o negocio para a empresa privada, nomeadamente aquela que está vinculada á Igrexa católica. Ese é o plano do PP, o plano que o PP está a despregar desacomplexadamente.

Non fica outra que se opor con toda contundencia, desde a sociedade, desde as aulas, desde as rúas, a este proxecto privatizador e españolista. A educación é a chave para termos unha sociedade cada día máis formada e cada día con máis capacidade de transformar as súas condicións de vida. Na Galiza, é a chave para que o país se auto-recoñeza, saiba da súa propia lingua, da súa propia historia, da súa propia existencia, e poña as bases para a súa emancipación. O PP sábeo ben. Por iso actúa como actúa.

Comentarios