Opinión

Desde fóra da sede do PP

Pasaban uns minutos das oito da tarde e a contención na sede do PP poñía en dúbida os primeiros resultados electorais, non había emoción. Puy fumaba distendido mentres o tempo pasaba e Feijóo que non chegaba. Non entendo nada! Era a frase máis repetida entre a prensa que agardaba nas mesas destinadas para o seu traballo na cafetería. Non sei que dicir! Era outra das frases.

Pasaban uns minutos das oito da tarde e a contención na sede do PP poñía en dúbida os primeiros resultados electorais, non había emoción. Puy fumaba distendido mentres o tempo pasaba e Feijóo que non chegaba. Non entendo nada! Era a frase máis repetida entre a prensa que agardaba nas mesas destinadas para o seu traballo na cafetería. Non sei que dicir! Era outra das frases. Cámaras e máquinas fotográficas ían e volvían desde o lugar de operacións até o punto mellor situado para lograr a mellor imaxe da face do Presidente en funcións que ía chegar no citroen. E tardou tanto en chegar que non sei que tema de conversa manterían Ana Pastor e a nai do Presidente, quen estaba fóra mataba o tempo en saúdos e en ir comentando a difícil situación laboral que ataca o mundo do xornalismo, un mundo en que os medios mingúan, esmorecen, que mesmo pode facernos pensar que dentro de catro anos para acreditarse haberá que indicar a rede social á que se pertence.

Quen estaba fóra podía mesmo chegar a pensar que as militantes do PP teñen a obriga de levar tacóns, non había ningunha muller dentro da sede con zapato raso, todas ían vestidas de domingo ou aínda máis de voda. O bolso de moitas dela, disque, e non debe ser mentira ningunha, valía os cartos que cobraba ao mes unha das xornalistas. Tamén con malicia alguén preguntaba pola “Chini”, aquela moza que acompañou a Feijóo a Roma a unha audiencia co Papa. Simplemente desaparecera, sen dar máis que falar. Chegou Feijóo, saudou á prensa desde o coche e entrou por abaixo, sen subir polas escaleiras de fóra. Contención! Nin aplausos, nin berros, fóra de ton. Desde logo outros deberon ser os tempos da época da boina! E de novo tocaba esperar fóra e el dentro da sede. Polas pantallas das televisións a prensa vía as imaxes de Pachi Vázquez, Jorquera, Beiras, Bascuas, todos falaron antes que Feijóo, todos homes, todos igualmente derrotados pola maioría absoluta de Feijóo, xa que nos corredores todo ficou nun combate entre eles. Por fin comunican que “Alberto falará en cinco minutos”, había permiso para entrar na sala, tirar as fotos, as primeiras imaxes e volver para o anaco de mesa que che deran en destino, seguir as declaracións desde a televisión. Foi difícil facer fotos por falta de espazo, se estabas nun cantiño da esquerda a cabeza de Rueda podía tapar o perfil de Alberto, se che tocaba pola esquerda, era a de Puy, se estabas de fronte, entón eras un mozo garrido, as fotógrafas eran moi poucas e ningunha o puido fotografar de fronte, asegúrovolo! Tortilla, queixo e petiscos varios, sen esaxerar, coidouse moito este detalle, ofrecéronselle á prensa e tamén saían para a sede desde a cafetería. Ningún exceso. Preto da media noite anunciouse que “Alberto vai abandonar a sede e dará un saúdo para a prensa” e a prensa agardou diante da porta moitos minutos e saíu a nai, con moita fachenda alegre de que todos estiveron contra el mais non puideron; logo a irmá que non dubidou en ningún momento da vitoria do seu irmán. Outras persoas preferiron non romper a barreira da prensa e agardar a que o Presidente en funcións se adiantase, e saíu e falou tamén contido, medido, parco en palabras: “Galicia, Galicia, Galicia, non hai ningún outro proxecto” até afirmou rotundo que é nesta terra onde se quere enterrar. Asegúrovos, a vitoria por maioría absoluta do PP en Galiza non conseguiu alegrar de todo os corazóns do PP, está a derrota de Euskadi, e o PP pensa sempre en España. Supoño que no Hotel Trip San Lázaro e con invitación se atreverían con algunha emoción, mesmo a brindar, non podo aventurar con que.

Como che quedou o corpo? podería preguntarme algunha desas mozas moito máis esveltas e delgadas, polos tacóns, mais elas non me viron. Eu contestaríalle que aquí seguimos coma sempre e despois destas horas de frivolidade e aparente descanso, o traballo continúa e Galiza sempre nos precisa.

Comentarios