Opinión

Contra o saqueo do pobo

Xa non se pode aturar máis. Van a por todo. Non teñen límite. O grande empresariado transnacional e máis o capital bancario e financeiro non terán reparos en levarse todo por diante na súa ofensiva contra a maioría social. A crise supuxo a radicalización da loita de clases, do confronto entre os intereses opostos da minoría rica, poderosa, que explota e os da maioría traballadora e empobrecida, explotada.

Xa non se pode aturar máis. Van a por todo. Non teñen límite. O grande empresariado transnacional e máis o capital bancario e financeiro non terán reparos en levarse todo por diante na súa ofensiva contra a maioría social. A crise supuxo a radicalización da loita de clases, do confronto entre os intereses opostos da minoría rica, poderosa, que explota e os da maioría traballadora e empobrecida, explotada. E desde logo van gañando, de longo, a partida os primeiros. Isto é o capitalismo -co adxectivo que se queira-, a preeminencia duns poucos a costa da explotación e empobrecemento dos demais.

As medidas anunciadas por Rajoy son dunha gravidade innegábel, nomeadamente polo efecto social que terán. Porén, o máis preocupante non son os recortes concretos senón a lóxica á que responden. Este primeiro grande axuste tralo rescate financeiro, súmase ás sucesivas contrareformas (laborais, pensións, negociación colectiva) e a continuada usurpación de dereitos e garantías sociais no último decenio. Mais non será o derradeiro. En Grecia xa van polo enésimo paquete de recortes. Cada vez máis agresivo e violento. Detrás de cada ataque, de cada dereito perdido, de cada servizo público privatizado, virá outro e outro e outro... Non van parar. Temos que paralos nós.

Cando encetou a crise houbo quen quixo crer que enfrontábamos apenas unha paréntese, dura pero temporal. Que unha vez superada esta regresaríamos ao punto de orixe. Non era certo. Non haberá volta atrás se nós non a forzamos. Non recuperaremos o terreo perdido, non volveremos a reconquistar os dereitos que nos roubaron se non é mediante a disputa, a confrontación, a loita. A cuestión non é se hai saída ou non a esta crise sistémica do capitalismo. A cuestión é para quen a vai haber e a costa de quen. Xa sabemos cal é a resposta do capital a esta pregunta, e comezamos a coñecer de primeira man cal é o seu método. Non o podemos tolerar, hai que reaxir.

Detrás de cada ataque, de cada dereito perdido, de cada servizo público privatizado, virá outro e outro e outro... Non van parar. Temos que paralos nós.


Nos cinco anos que levamos de crise o índice de miseria do Estado español incrementouse en 16 puntos, superando o 26% e situándose á cabeza da UE. Hoxe 600.000, si 600.000, galegas e galegos teñen moi serias dificultades para chegar a fin de mes. 100.000 persoas atravesan xa situación de pobreza en Galiza. Máis de 250.000 desempregadas e desempregados, boa parte sen recibir prestación ou subsidio algún. De seguir así, como estaremos dentro doutros cinco anos? Non é unha paréntese, nin unha fochanca que se vaia sortear. Espertemos! Estes datos, apenas unha escolma dos moitos que se poderían citar, son a proba cuantificada dun roubo, dun saqueo. O PPSOE leva anos gobernando contra o pobo para lle entregar a riqueza que crea mediante o seu traballo ao grande capital. Levan anos apertando o cinto a quen menos ten, ás clases traballadoras, para seguir a alimentar até a fartura a enchenta de quen ten máis. E nesas seguen.

O PPSOE leva anos gobernando contra o pobo para lle entregar a riqueza que crea mediante o seu traballo ao grande capital.


Unha transferencia de rendas do traballo para o capital, que se desenvolve en paralelo nun proceso de cada vez maior concentración e centralización da riqueza. Non nos saquean en beneficio de Alemaña, onde a súa clase traballadora enfronta desde hai anos tamén unha dura perda de dereitos, senón en beneficio fundamentalmente da oligarquía empresarial e financeira dese país. Cómpre non perder isto de vista. Mais, o certo é que nesta ofensiva tamén baten contra os territorios que non forman parte do núcleo dos centros do sistema (na Europa o eixo Francia-Alemaña e afíns). Con ese obxectivo agroma unha nova vaga recentralizadora no Estado español, que de facto vai camiño de facer desaparecer o mapa autonómico. A concentración de riqueza esixe a concentración das maiores cotas de poder político para propiciala. Négannos o máis mínimo autogoberno efectivo para impedirnos exercer a nosa capacidade de decisión democrática, para someternos con maior facilidade ás políticas antisociais que dita a troika (FMI, BCE, UE) e que executa o goberno lacaio de turno. De aí o oportuno e necesario de reivindicármonos con forza a plena soberanía para Galiza.

Pagaremos (moito) máis IVE, haberá menos traballadoras/es públicos -e os que queden cobrarán menos-, as e os parados verán empobrecidas as súas miserentas prestacións, as e os pensionistas seguirán a perder poder de compra, repagaremos medicamentos, a luz, o gas e o butano serán inda máis caros, as e os poucos mozos que se beneficiaban da axuda para vivenda verana diminuída nun 30% e o que ha de vir, porque virá, se non os paramos. Todo para un único fin, garantir os lucros, os beneficios do grande capital que goberna a Unión Europea. Con razón, se preguntaba o outro día o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez: Unión Europea? Non, grazas.

A pregunta é: imos permitir este saqueo contra nós, o pobo? Imos ficar quedas e quedos, sen dicir nin facer ren? Xa non é (só) cuestión de dignidade. Por pura supervivencia non temos máis opción que a loita. Non hai outro camiño que non sexa o da mobilización (principiando por este mesmo xoves 19), o da protesta, o da organización -para nos fortalecer-, o de tentar forzar un cambio de rumbo radical disputando o poder que hoxe. nesta democracia de cartón na que mandan os cartos, detenta a clase dominante. Non nos queda outra, hai que pasar a acción, con firmeza, antes de que sexa demasiado tarde. Por máis que se queiran esquivar os golpes virán unha e outra vez. Non hai escapatoria. Ou eles ou nós.

Comentarios