Opinión

Cerco galego: o PP aposta na represión

O PP opta pola represión policial como única forma de tratamento dun problema central da economía galega: a falta de expectativas dun dos sectores estratéxicos do país, a pesca.


O PP opta pola represión policial como única forma de tratamento dun problema central da economía galega: a falta de expectativas dun dos sectores estratéxicos do país, a pesca. 160 barcos e 2.000 familias dependen do cerco,  castigado por unha repartición de cotas tan arbitraria como inxusta, decidida por un poder central que neste asunto se comporta de forma colonial, insensíbel e alleo ás necesidades da Galiza. Face a ese problema, o PP apela á linguaxe coercitiva, procurando o desestimento por canseira dos traballadores.

Forzas policiais estatais dirixidas polo goberno español secuestraron, pois, o Parlamento de Galiza, impediron o acceso de cidadáns galegos ás súas inmediacións.

As cargas policiais producidas contra mariñeiros e lexítimos representantes do pobo galego perante o Parlamento constitúen un feito gravísimo. Primeiro porque delatan a baixísima calidade da democracia que padecemos. Segundo porque poñen en evidencia que o autogoberno da Galiza é unha ficción. A quen chamou a policía para saber se tiña que cargar ou non contra mariñeiros desesperados por non poderen traballar? Chamou ao delegado do Goberno na Galiza. Chamou ao vicerrei do poder español. O Goberno galego a estes efectos non existe. A policía galega non chega nin a simulacro.

Forzas policiais estatais dirixidas polo goberno español secuestraron, pois, o Parlamento de Galiza, impediron o acceso de cidadáns galegos ás súas inmediacións. O mesmo partido que encoraxou e aplaudiu a toma violenta do Parlamento de Kiev por paramilitares pro-nazis bloqueou o achegamento dunha manifestación cívica e pacífica á Cámara parlamentar galega.

Feijóo non só non cuestiona o modelo competencial en materia de seguranza, non só non pon sobre a mesa a necesidade inadiábel de contarmos cunha policía galega digna de tal nome, senón que simboliza el propio a política autoritaria de desprezo face ás persoas afectadas polas políticas antipopulares.

Descualifica a Feijóo non só a súa probada incompetencia á hora de xerir politicamente as demandas do cerco galego, mais tamén a súa teimosía en se negar ao diálogo directo cos mariñeiros.

De que nos serve este presidente tan inútil como insensíbel?

Comentarios