Opinión

O caos colonial das infraestruturas galegas

Viaxar na Galiza en automóbel está a se converter nunha proba de, no mínimo, paciencia. 

Viaxar na Galiza en automóbel está a se converter nunha proba de, no mínimo, paciencia. Desde as estradas municipais ás de titularidade estatal e concesión privada, a falta  de sinalización, a sinalización inadecuada, os trazados realizados sen estudos das condicións climáticas reais da nosa terra, fan das nosas estradas o exemplo máis evidente de que temos unha rede viaria propia dun país colonial e que o único interese do Estado, tal como demostran os datos de multas no que vai de ano, é meramente recadatorio importando menos a conservación e a seguridade vial

A AP-9, explotada en concesión por Audasa, do grupo Ítinere, está a dar importantes beneficios en proporción directa ao corte de servizos, con graves problemas na xestión de cobro nas portaxes, o que provoca atascos con demasiada frecuencia; a A8 é hoxe unha infraestrutura perigosa, sobre todo no tramo de Abadín e Mondoñedo, un treito que a poucos meses da súa abertura ten xa o cualificativo de “tramo negro”. O seu pavimento nen sequer posúe balizas antinéboa. En certa maneira, e canto a medidas de seguridade, este tramo da Transcantábrica é similar ao da curva de Angrois.

Canto a medidas de seguridade, o tramo da Transcantábrica Abadín-Mondoñedo é similar ao da curva de Angrois

A respeito doutras estradas achamos unha sinalización vertical e horizontal anticuada, con tramos de calzada en que se superpoñen as liñas de xeito que o condutor non sabe como as interpretar; con sinalización vertical cravada no medio da calzada sen elementos reflectantes que avisen o condutor de que se vai encontrar cun poste metálico que suporta un sinal de prohibido circular a máis de 70 quilómetros hora.

Descoordenación

Todo isto vese agravado pola descoordenación existente entre os diferentes titulares das vías (Concellos, Deputacións, Xunta, Estado). Galiza ten unha rede de estradas ampla e un clima que exixe traballos de mantemento regulares e unha sinalización adecuada. É obvio que o modelo de xestión actual da rede viaria é ineficaz. Faise necesario que a Xunta asuma o control e toda a nosa rede viaria, coa recuperación da concesión dunha infraestrutura como a AP-9 que, sendo un dos eixos de comunicación do País, é tamén dos máis rentabeis.

Comentarios