Opinión

Avelino Pousa Antelo, memoria e futuro

Avelino levaba Galiza no corazón, na mirada, no sorriso. Levaba na palabra a fascinación do primeiro encontro con Castelao, o entusiasmo da Mocedade Galeguista, que viaxaron con el ao longo de máis de 7 décadas. Desde a altísima dignidade dos seus anos, mantivo nas últimas décadas unha actividade incesante, sempre animoso, optimista, valente.

Avelino levaba Galiza no corazón, na mirada, no sorriso. Levaba na palabra a fascinación do primeiro encontro con Castelao, o entusiasmo da Mocedade Galeguista, que viaxaron con el ao longo de máis de 7 décadas. Desde a altísima dignidade dos seus anos, mantivo nas últimas décadas unha actividade incesante, sempre animoso, optimista, valente.

Os primeiros actos institucionais de homenaxe a Bóveda e aos fusilados do 12 de novembro, a conmemoración do Ano Castelao no 2000 forxaron un forte vencello de amizade entre Avelino e o concello de Pontevedra. Nunca faltou a unha chamada, desde os numerosos actos do 50 aniversario do pasamento de Castelao, o congreso dedicado ao Exilio Galego (2001), o de Homenaxe a Bóveda (2003), os actos da Galiza Mártir. En moitas ocasións compartiu mesa, conversa, rivalidades e anécdotas amables con Isaac Díaz Pardo.

Anos despois os dous foron, con Mariví Villaverde, o faro de xustiza e dignidade do Consello da Memoria, presentado en San Simón o 8 de abril de 2006. Nunca faltaba a unha xuntanza, tal era o seu elevado sentido da responsabilidade e da ética.

Ao longo destes anos intensos de activismo cultural e político, Avelino mantivo unha actitude exemplar, extremadamente honesta e xenerosa. Cando foi necesario ergueu a voz con autoridade e firmeza para denunciar os desmáns contra o idioma, executados polo goberno de Feijoo. Asumiu o compromiso na política municipal a favor do nacionalismo e mantivo sempre a militancia na fidelidade ao legado de Castelao, que é o mesmo que dicir a entrega suprema a Galiza. E neste andaina nunca baixou a cabeza, velaquí unha das primeiras razóns de súa grandeza.

Avelino é da xinea dos bos, dos xenerosos, dos valentes. Chamaba a atención a franqueza coa que refería os duros anos da guerra e da posguerra. O tempo do terror, do medo e da indecencia no que moitos claudicaron. El tamén saiu daquelas tebras e cando as circunstancias o permitiron retomou o compromiso coas ideas que lle latían no peito. Aí están os feitos, as obras dun home humilde que se entregou ao cultivar os campos no ermo do franquismo. Malia as adversidades, a colleita foi vizosa e as leiras que el cultivou aínda nos dan alimento e forza neste novo tempo de escuridade e claudicación.

Os seus máis de noventa anos cheos de vitalidade eran motivo de asombro e de admiración, e mentres puido aproveitou cada día en percorrer o país (e os territorios da nosa lingua), nunha continua peregrinaxe da lealdade, do compromiso e da rebeldía. Unha viaxe na que tivo a compañía fiel dos que sabían do súa función histórica e que agora comparten o inmenso legado que nos deixa: o compromiso sincero coa memoria e co futuro. Coa cabeza erguida, a vontade firme e todas as enerxías postas ao servizo de Galiza.

Comentarios