Opinión

Ao fío do Día da Patria

A primeira vez que asistín a unha conmemoración do Día da Patria Galega foi en Bos Aires, a finais da década dos sesenta do século pasado. Daquela xa participaba activamente na colectividade, especialmente na Irmandade Galega (da que fun secretario). Esta era unha organización política que, como seguramente o lector sabe, fora fundada no ano 1944 por iniciativa dese egrexio dirixente nacionalista que foi Daniel Rodríguez Castelao.

A primeira vez que asistín a unha conmemoración do Día da Patria Galega foi en Bos Aires, a finais da década dos sesenta do século pasado. Daquela xa participaba activamente na colectividade, especialmente na Irmandade Galega (da que fun secretario). Esta era unha organización política que, como seguramente o lector sabe, fora fundada no ano 1944 por iniciativa dese egrexio dirixente nacionalista que foi Daniel Rodríguez Castelao. En todo caso, nun primeiro intre, resultoume estraño que a data coincidise coa de Santiago Apóstolo. Entre os paisanos cos que tiña relación, da comarca de Celanova (o meu pai era de Covas de Berredo, na Bola), poucos eran practicantes, malia que se afirmaban crentes. Mesmo, moitos amosaban unha actitude fortemente anticlerical, ilustrada nas conversas sobre a Terra (nunca esquecida) con ducias de anécdotas encol da abafante presión dos cregos na vida cotiá das persoas nas aldeas.

Aquel acto celebrouse no Teatro Colón de Bos Aires, o que facía que transcendera para alén da colectividade galega, xa que nel se realizaban as actividades culturais con maior sona da Arxentina. Coido que foi Bieito Cupeiro o que me dixo, a respecto da sesión do Teatro Colón, cheo de orgullo: este privilexio só o temos os galegos e os italianos. Este tratamento especial era por razóns de importancia. Entre as que estaban, que os galegos eramos a segunda nacionalidade polo peso numérico despois dos italianos (entre medio millón e seiscentos mil, nunha cidade de sete millóns). Ademais, que tivemos un papel sobranceiro, tanto na defensa da Bos Aires contra a invasión inglesa de 1806, como no proceso de loita a prol da independencia das Provincias Unidas do Río da Prata da monarquía española, ou dos “godos” como tamén lles chamaban.

Xa retornado á Galiza nunca deixei de participar da mobilización que o nacionalismo realiza o Día da Patria Galega. Das que hai que lembrar que foron as de 1976 e 1983 as máis conflitivas, porque se cebou nelas a represión, para impedir a súa realización na primeira das datas, e evitar a entrada na parte vella da cidade, na segunda. Por certo, nesta última, tiven a responsabilidade do servizo de orde e a represión policial custoume varias costelas rotas. Nos anos posteriores, en manifestacións sempre masivas, as convocatorias transcorreron sen maiores problemas, o que permitiu que se foran sumando familias enteiras, como aínda hoxe acontece.

Este ano a celebración tiña un interese especial, non só porque se dá nun contexto económico e social moi grave, con manifestacións previas moi fortes e unha folga xeral case que segura en setembro, senón porque ía reflectir a correlación de forzas real dentro do nacionalismo. Agora, despois do día, xa non hai tanta marxe para as teorías sobre hipóteses interesadas, xa que o nacionalismo máis activo amosou as súas preferencias. De tal xeito que as especulacións sobre a vitalidade do BNG, logo de que algúns sectores deixaran a organización ao non aceptar os resultados da Asemblea Nacional de Amio, fican desmentidas polos feitos. Esta forza non perde capacidade de convocatoria e mesmo supera en participación á do último ano, cando aínda non se dera a fractura, demostrando que as consecuencias foron magnificadas polos que marcharon, por outros partidos e os medios. Non pretendo afirmar que toda ruptura non reste incidencia e votantes en futuros procesos electorais, senón que a diminución será inferior da que se pretendía, e que mesmo pode ser compensada e superada pola incorporación de novas adhesións.

Ademais, e non é unha cuestión menor, este 25 de Xullo ollouse no acto máis simbólico do nacionalismo galego, que o BNG quérelle dar protagonismo á base social, como demostran os oradores e intervencións na Praza da Quintana. Algo que se suma á unha non casual forte implantación social, ampla base organizada, e un reforzamento no discurso dos principios e obxectivos fundacionais. En contraposición outras figuras que deixaron o BNG, que gaban no discurso o asemblearismo máis radical, despois ocupan todo o escenario e levan meses en disputas de poder. O tempo vai poñendo cada cousa no seu lugar. Aínda que as consecuencias prácticas de xeitos de axer trabucados sempre deixan feridas e un custe político e social, que se agravan cando a capacidade de rectificación é nula.

Manuel Mera

Comentarios