Opinión

Alexandre Bóveda e as institucións galegas

Foron os galeguistas do exilio, co liderado de Castelao, quen lle atribuiron a Alexandre Bóveda a condición de símbolo nacional. A súa vida exemplar, o seu compromiso inquebrantábel coa patria, a xenerosidade que demostrou ao longo da vida e no momento dramático do pseudoxuízo e da condena a morte, convertérono en personaxe histórico.

Foron os galeguistas do exilio, co liderado de Castelao, quen lle atribuiron a Alexandre Bóveda a condición de símbolo nacional. A súa vida exemplar, o seu compromiso inquebrantábel coa patria, a xenerosidade que demostrou ao longo da vida e no momento dramático do pseudoxuízo e da condena a morte, convertérono en personaxe histórico. Con menos de 30 anos, Alexandre dirixira a Facenda provincial de Pontevedra, creara e dirixira a Caixa de Aforros Provincial e convertérase nun dos principais dirixentes do nacionalismo galego. O desterro de Castelao e Bóveda en 1934 é a proba máis evidente do significado que acadaran como líderes do Partido Galeguista e como parte fundamental da oposición da dereita gobernante.

O nacionalismo galego no exilio primeiro e máis tarde en Galiza ergueu a bandeira da reivindicación de Bóveda como representación dos mellores valores da nación galega. O movemento asociativo e cultural do franquismo e da “transación” española mantiveron viva a luz do luz celebrando homenaxes, erguendo monumentos, promovendo publicacións. Os poetas, de Manuel María a Avilés de Taramancos, expresaron as ideas e as emocións que fan de Alexandre unha fonte permanente de enerxía, de compromiso e de futuro.

Nos anos 80 e 90 pasado chegou o tempo das homenaxes institucionais promovidas por concellos gobernados polo nacionalismo, de Fene a Bueu e de Moaña a Poio e Ribadeo. O século rematou cun acto grandioso: o 11 de decembro de 1999 o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presidiu a entrega a Amalia Álvarez da medalla de ouro da cidade e o título de fillo adoptivo de Pontevedra, concedidos a Alexandre Bóveda a título póstumo. No auditorio do Pazo da Cultura estaba unha numerosa representación dos concellos galegos que el teimosamente mobilizou en defensa do estatuto.

No 2003, ano do centenario do nacemento, a Deputación de Ourense sumouse ao recoñecemento co nomeamento como Fillo Predilecto de Ourense. A Deputación de Pontevedra aínda protagonizaría un vergoñento episodio de desprezo á memoria de Bóveda, negándolle a homenaxe que merecía como artífice de importantes iniciativas da institución. Máis tarde, concederíalle un recoñecemento conxunto con Bibiano Fernández Osorio Tafall e Xosé Filgueira Valverde.

O seguinte chanzo no recoñecemento institucional a Bóveda chegou en agosto de 2005 cando o goberno galego, por iniciativa do BNG, aprobou a súa primeira declaración institucional. Por tratarse dun documento pouco coñecido e aínda non cumprido na súa integridade, sobre todo no que respecta a competencias que corresponden ao goberno do Estado español, reproducímolo a seguir. Para que manteñamos viva a chama das ideas e a reivindicación da súa figura exemplar, no camiño da soberanía de Galiza.

  

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO GOBERNO GALEGO A RESPECTO DA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA E DA REHABILITACIÓN MORAL, PERSOAL E LEGAL DA FIGURA DE ALEXANDRE BÓVEDA
 

1.- O mandato de cambio e rexeneración democrática expresado polo pobo galego non pode asentarse sobre o silencio e o esquecemento de milleiros de cidadáns e cidadás galegos que foron vítimas da represión por defenderen os valores democráticos, o autogoberno e o progreso de Galiza. En consecuencia, o goberno galego expresa o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica democrática, representada singularmente na recuperación, rehabilitación e recoñecemento das vítimas da represión provocada polo levantamento militar franquista de 1936. Este compromiso ha de entenderse como un deber ético, como un acto de xustiza e como unha norma fundamental para garantir a calidade do sistema democrático.

2.- A figura humana e política de Alexandre Bóveda é hoxe recoñecida pola súa contribución decisiva ao autogoberno de Galiza e á propia existencia da institucións galegas. Debido á súa vida exemplar e á súa morte inxusta e alevosa, Bóveda foi escollido como símbolo da Galiza perseguida, humillada e martirizada en 1936 e na Ditadura franquista. Na longa xeira da recuperación da súa vida e da súa obra, aínda está pendente o recoñecemento por parte das máximas institucións galegas.

3.- En consecuencia, o goberno galego acorda impulsar a rehabilitación institucional, persoal e moral de Alexandre Bóveda, como primeiro e decisivo paso no seu compromiso coa recuperación da memoria histórica.

Esta iniciativa concrétase nas seguintes medidas:

-A revisión e anulación do xuízo sumarísmo polo que foi condenado a morte.

-A rehabilitación moral da súa figura mediante declaración pública e solemne do Goberno do Estado e do goberno da Xunta de Galiza.

-A rehabilitación como funcionario de carreira da administración do Estado.

-A restauración e satisfacción de todos os seus dereitos legais, económicos, patrimoniais e de calquera outra índole, devegados dos seus dereitos.

Ao mesmo tempo, o Goberno Galego desenvolverá distintas iniciativas encamiñadas ao coñecemento da verdade histórica, á rehabilitación moral e pública de todas as vítimas galegas do franquismo, á anulación dos xuízos sumarísimos e en xeral á reparación dos danos morais e materiais a que houbera lugar. 

Compostela, agosto de 2005.

Comentarios