Opinión

Alerta de lumes

  Estamos ás portas dunha nova vaga de incendios nos nosos montes. É cuestión de dias ou semanas. O mes de abril abreu unha paréntese na actividade incendiária e no dinamismo social dos corifeos. Mais agora é o momento de trazar estratéxias políticas de calado que contribúan a tapar-lles a boca aos defensores do inmovilismo en matéria de xestión forestal e luita contra incéndios.

Estamos ás portas dunha nova vaga de incendios nos nosos montes. É cuestión de dias ou semanas. O mes de abril abreu unha paréntese na actividade incendiária e no dinamismo social dos corifeos. Mais agora é o momento de trazar estratéxias políticas de calado que contribúan a tapar-lles a boca aos defensores do inmovilismo en matéria de xestión forestal e luita contra incéndios.

Por exemplo, non está de máis lembrar que o ex-ministro franquista que gobernou este país durante dezaseis anos era o primeiro en defender a tese de que os incendios se apagan no inverno. Tampouco sobraría no debate de ideas unha proposta de pacto político por unha xestión forestal sustentábel e pola revitalización do medio rural. Unha proposta de pacto carregada de auténticas medidas innovadoras na xestión do patrimonio forestal. Un pacto dirixido á sociedade, porque o goberno do PP xa sabemos onde está disposto a chegar.

Vimos de comprobar cal é a receta do PP coa aprobación da nova lei de montes. Unha das apostas máis destacadas que fai o actual secretário xeral de Medio Rural, en tempos perenne director xeral de montes, é o impulso das chamadas sociedades de fomento forestal, “sofor”. Trata-se simplesmente da contra-proposta á que no seu dia fixo a Consellaría de Medio Rural dirixida por Suárez Canal, de criación das denominadas unidades de xestión forestal ou “uxfor”. Aquel eslógan “Medio rural, medio vital” doeu-lles. Non lles quedou máis remedio que seguir a senda aberta, só que adaptando a norma aos intereses da indústria forestal de desintegración.

Aínda que parece xa evidente o adianto electoral e, por tanto, todo se interpretará nesa chave, convén desvendar a pobreza extrema que como nunca antes ten manifestado este goberno en materia de xestión forestal e luita contra incendios. Urxe apostar clara e decididamente por un outro modelo, integrador das variadas funcións do monte.

É o momento de trazar esa estratéxia. Non podemos deixar pasar máis tempo padecendo a aparición periódica de escenários dantescos de destrución, de perda de vidas humanas, de especulación económica e de empobrecimento dos nosos recursos e, ante iso, limitar-nos únicamente a solicitar comparecéncias, esixir responsabilidades ou sair á rua a manifestar a nosa indignación.

Unha nova política forestal

Existe unha frase paradigmática sobre o que acontece coa política forestal en Portugal que é plenamente aplicábel ao noso país. Tenta explicar un dos factores que impulsou a eucaliptización en Portugal e figura nunha monografía sobre o eucalipto editada hai máis de vinte anos polo Instituto Nacional do Ambiente luso: “Uma ausência de política florestal, ou antes, uma política florestal baseada na ausência aparente de política, que deliberadamente abdica do papel do Estado como moderador do mercado, corrector de desequilíbrios e guardiäo dos recursos e do património, conduzindo à preponderáncia do sector mais poderoso e agressivo (a indústria de pasta de papel) onde domina a lógica dos lucros imediatistas”.

Esa frase, traducida ás nosas coordenadas, resumiría-se na coñecida tese do secuestro da política forestal galega polo oligopólio da indústria de desintegración da madeira, nomeadamente ENCE ou FINSA. E ese secuestro foi posíbel porque no seu momento, a política forestal no Estado Español e en Portugal se orientou deliberadamente nun contexto de autarquía cara á promoción dunha indústria pesada, celulósica neste caso, que supuxo a entrega da capacidade de decisión a consórcios públicos primeiro e a grandes empresas logo, nun proceso que un enxeñeiro forestal español ten describido como “o comezo dunha loucura”.

Existe capacidade para tomar a iniciativa, marcar o compás e socializar un novo discurso, alternativo a esta situación de voraz depredación. Non sería difícil para os axentes políticos coerentes coa defensa deste país, como contraste coa mordaza do PP, dar-lle voz a outras interpretacións das necesidades do monte en Galiza, concitando un foro de especialistas, comunidades de montes e proprietários que elaborase os alicerces dunha nova política forestal, capaz de xerar ilusión, de frear o actual desánimo e de sacudir-nos ese desígnio cuase-divino que nos condena a perpetuidade a ser espectadores do desastre.

Comentarios