Opinión

Acumulación de capital e podrémia. O caso ENCE (I)

Baixo unha grande alfombra azul oculta a sua porcaría a ENCE: a ría de Pontevedra. Un emisario submarino conduce cara á illa de Tambo o verquido todo desta indústria, ao que se engaden desde hai dez anos os efluintes do saneamento urbano dos concellos de Pontevedra e Poio. X 523.570 e Y 4.695.247 son as coordenadas UTM onde se localiza a saída dese emisário. Feito en polietileno de alta densidade, ten unha lonxitude no mar de 2.

Baixo unha grande alfombra azul oculta a sua porcaría a ENCE: a ría de Pontevedra. Un emisario submarino conduce cara á illa de Tambo o verquido todo desta indústria, ao que se engaden desde hai dez anos os efluintes do saneamento urbano dos concellos de Pontevedra e Poio. X 523.570 e Y 4.695.247 son as coordenadas UTM onde se localiza a saída dese emisário. Feito en polietileno de alta densidade, ten unha lonxitude no mar de 2.794 metros, un diámetro de 1200mm e consta de 86 difusores no seu extremo. A dia de hoxe, non se sabe de ninguén que tivese baixado ao lugar onde se ubica esa bocanegra que deita anualmente na ría máis de doce millóns de m3 de agua contaminada. E será mellor non tratar de descender aos 16 metros onde descansa ese tubo inmundo. Supoño que por unha razón de seguridade e de saúde mental. Mais sería mui revelador coñecer o estado no que se encontran eses fundos mariños. Fagamos un cálculo groseiro.

Ence produciu anualmente nos últimos dez anos unha media de 360.000 toneladas de pasta de celulosa. Por cada tonelada producida, en 2005 precisaronse 38,70m3 de agua (65,8 en 1990, menos de 40 a partir de 2002). Unha parte desa agua reciclou-se ou evaporou-se en balsas de decantación, xerando lodos contaminados que se depositaron nas minas de Touro para “restaurar” as montañas de entullos. Cando chove, miles de litros de agua turbia polos lodos aló deitados van dar ao río Ulla que, como sabemos, vai parar á ría de Arousa. Mais voltemos á ría de Pontevedra. Cada dia chegan a Lourizán máis de 100 camións carregados de toros de eucalipto. Despois de lavada e triturada, esa madeira “coce-se” en grandes dixestores a partir dos cales se vai elaborando a pulpa de celulosa. Este proceso finaliza cun verquido diário duns 35.600m3, apenas un “rego” dun caudal de 400 litros por segundo, que nos cálculos da empresa, son rápidamente diluídos e dispersados pola dinámica de correntes existente en profundidade, ao igual que os 677 kg de sólidos en suspensión que diariamente saen por ese tubo (máis de 2.200 toneladas ao ano), segundo recoñece a própria empresa no seu web.

O que sabemos da dinámica de correntes e doutros factores físico-químicos desa parte da ría son os descritos nunha tese de licenciatura do ano 2002, asinada por Inés Álvarez, investigadora do Grupo de Física Oceanográfica e Costas da Universidade de Vigo. Nese traballo fala-se de valores máximos de 0.1m/seg para as correntes de fluxo e refluxo mareal en superficie, sendo muito menor a rexistrada en profundidade debido ao rozamento da agua co fundo. E dunha temperatura máxima no verán a 20m de profundidade próxima aos 14 graos. A presión existente debe ser elevada. E a velocidade de saída da agua do emisario non pode ser mui alta. Nesas condicións é doado imaxinarse que a dispersión da agua do emisário non é significativa. Tendo en conta que ese verquido leva residuos da cocción de madeira triturada, é dicir, matéria orgánica, e que esta se irá acumulando nun radio cada vez maior do fundo da ría, onde se irá descompondo consumindo osíxeno, resulta evidente que existen grandes posibilidades de que unha parte importante do fundo mariño desa zona da ría se encontre sensíbelmente empobrecido, dominado por microorganismos e bactérias descompoñedoras.

Por esta e outras razóns, a Consellaría de Medio Ambiente do governo bipartito encarregou no 2008 un estudo coa finalidade de averiguar a incidencia e o estado dos emisarios de verquido submarinos das rías de Arousa e de Pontevedra. Parece ser que o primeiro chegou a elaborarse, mentres que nada se sabe do correspondente á ría de Pontevedra desde que chegou o PP á Xunta. Para qué levantar a alfombra? O desta xente é o que xa sabiamos. Acumulación indefinida de cartos e emporcallamento perpétuo de ríos e mares.

Preocupa-me saber que os fundos mariños da ría de Pontevedra poden ser un ermo sen osíxeno, carente de vida. Ao mesmo tempo, a incerteza de que en Marte ou noutro confín do Universo poida haber formas de vida evolucionadas fai que o meu estado de ánimo se debata entre o desacougo e a curiosidade científica, por aquelo de averiguar se alcanzarán a ser tan porcas coma a nosa própia. O que xa non me sorprende é a abundancia na nosa terra de determinadas formas de vida chamada intelixente que teñen como hábito a acumulación incesante e desenfreada de activos tóxicos que poden levar ao colapso dunha ría ou dun país inteiro.

 Pedro Alonso Iglesias

Comentarios