Opinión

A (non) esencia do fútbol

O pasado venres vivín en Balaídos un momento ben bonito.

O pasado venres vivín en Balaídos un momento ben bonito. Os afeccionados do Athletic de Bilbao, que chegaron en masa a Vigo para animar o seu equipo, remataron o encontro animando o Celta seguindo os cánticos cos que a afección celeste alentaba o equipo. Foi un acto totalmente espontáneo e de deportividade admirable nos peores momentos da tempada. Non é que o Athletic vaia sobrado de puntos, pero a reacción dos seus afeccionados fixo aos locais levantarse das bancadas e aplaudir un acto que si debe ser reflexo do que é o deporte.

Os señores da Liga son quen de obrigar o Celta a xogar en 9 días 3 partidos e despois pasar 2 semanas sen tocar balón

A deportividade, o xogo limpo, e o respecto entre afeccións é o que é a esencia do fútbol. Até que uns poucos viron neste fermoso deporte o xeito de se enriquecer e, co marketing polo medio, converter un deporte nun círculo vicioso de cartos e corruptelas. Pero os millóns, os focos, as estrelas... están só na casa dalgúns. Os demais, a grande maioría, ten que se remangar e deixar até o derradeiro folgo no terreo de xogo loitando contra rivais, pantasmas institucionais, horarios incomprensibles e árbitros nefastos que ben podían adicarse, por exemplo, á pesca submarina.

Os pequenos, os 'obreiros' do fútbol, non temos nin sequera dereito a un final de liga digno. A pesar de que o Celta se está a xogar a vida neste final de liga agónico, os señores da liga son quen de o obligar a xogar en nove días tres partidos vitais para despois pasar dúas semanas sen tocar balón. O da igualdade de oportunidades no fútbol é así como o das meigas, 'habelas hainas', pero alguén as veu?

 

Comentarios