Opinión

A forza do "si se pode" e o sopor do miudiño

Riazor estaba preparado para brindarlle agradecemento ao Deportivo pola espectacular xeira que supuxo a resurrección dun morto

 
Riazor estaba preparado para brindarlle agradecemento ao Deportivo pola espectacular xeira que supuxo a resurrección dun morto. A tarde de domingo prometía ser espléndida. Máis de 30.000 afeccionados acudiron ó estadio para testemuñar que a xeira de victorias podía consolidarse. Quince minutos antes de comezar a rodar o balón, cantouse o miudiño pola megafonía... un miudiño moi mal cantado, desafinado e con pouca forza... E ese miudiño, miudiño, chegou á caseta herculina. E así foi como o equipo de Fernando Vázquez saltou ó céspede co “si se pode” na cabeza e o miudiño correndo polas pernas.
Estivo moi crucial Aranzubía, que agora é un porteiro novo, máis inspirado, máis seguro.
O Deportivo viuse desbordado por un bo equipo, ben dirixdo por Bielsa, malia ser este un ano de sombras para os vascos. En mala hora elixíu Bielsa darlle a titularidade a Llorente, todo o ano castigado por sintonizar coa Juventus para emigrar. Pero a verdade é que Llorente amolou á defensa deportivista. 
 
O equipo de Vázquez non puido tirar do modelo das últimas catro xornadas. Non foi dono do balón, correu detrás do rival e achicou os repetidos ataques que chegaban perigosamente a área deportivista. O Deportivo apenas tirou á porta contraria. Pero si mantivo unha premisa: ter o equipo unido, xunto, ben pegadiño. Foi o único que puido conservar das últimas semanas. Salvou ó Deportivo a pólvora mollada do Athletic, porque planeou por Riazor unha clara derrota.
 
Cara a cara co Deportivo
 
O Athletic de Bilbao veu a Riazor a xogar cara a cara co Deportivo. Puxo máis e mellor e so a fortuna dos herculinos, agora contaxiados pola dinámica positiva, puido frear o vendaval vasco. Estivo moi crucial Aranzubía, que agora é un porteiro novo, máis inspirado, máis seguro. Dani volveu ser o porteiro de tantas tardes que salvou ao seu equipo dunha derrota segura. Iso propiciou que no primeiro disparo claro á porta dos branco e azuis chegara o primeiro gol do encontro. Un extraordinario canonazo do portugués Bruno Gama. Un gol que xurdiu das botas do si se pode, un balón que empurrou con forza a bancada.
 
Foi Llorente, unha dor constante para a zaga, o que devolveu o equilibrio ao taboleiro, xusto na última xogada da primeira parte. Un empate xusto, por outra parte.
 
Na segunda parte, o Athletic pasou de vendaval a furacán. Pero foi un furacán inofensivo, sin solvencia ante o gol. Unha triple ocasión errada foi a evidencia de que no Deportivo mudaron as cousas para mellor. Malia todo, os herculinos non poden confiarse xa que o perigo segue estando ás costas.
 
A fe do si se pode está ben para cargar pilas e aferrarse á autoconfianza, pero coidado con botarse o xogo miudiño... Aínda é moi cedo para perder intensidade. Non vaia ser que a borracheira dos últimos éxitos acaben afogando a forza da mensaxe.
 
A próxima final será en Sevilla co Betis, o vindeiro luns, coa presión de saber todos os  resultados dos demáis rivais.

Comentarios