Opinión

A auga dos soños: lecturas para apagar a sede

Nestes días aciagos de miseria política e canibalismo económico, precisamos máis que nunca de atoparmos un feixe delecturas que sigan a dar de beber aos nosos soños, é dicir, que nos permitan saciar a sede da imaxinación, concedéndolle ás nosas vidas un recanto onde exercer, contra vento e maré, unha liberdade envolta en silencio.

Nestes días aciagos de miseria política e canibalismo económico, precisamos máis que nunca de atoparmos un feixe delecturas que sigan a dar de beber aos nosos soños, é dicir, que nos permitan saciar a sede da imaxinación, concedéndolle ás nosas vidas un recanto onde exercer, contra vento e maré, unha liberdade envolta en silencio.

Permitan, pois, que lles ofreza un menú de lecturas para o vindeiro mes de agosto, tan diverso como azaroso, sen máis pretensión que a de sinalar roteiros suxestivos que nunca deben ser entendidos como carreiros obrigatorios. Aí van logo, como unha restra de allos, un feixe de títulos que nos permiten exercer o sagrado pracer da lectura:

-Lupe Gómez, Pornografía, Edicións Positivas (2012); unha reedición moi oportuna dun dos clásicos da poesía galega da década dos noventa; unha proposta antilírica que aínda fai sangrar os dedos, cristal roto sobre valos de cemento, versos ferintes como croios, diamantes en bruto dunha linguaxe directa sen ningún tipo de edulcorante, e que nos fai chocar contra os cornos das vacas.

- Mahmud Darwix, Carné de identidade, Barbantesa (2012); velaquí unha escolma do grande poeta palestino, en versión bilingüe árabe - galego; un intenso percorrido polo legado poético dunha voz que nos introduce nun paraíso mancado pola Historia, nunha terra de laranxas e oliveiras que sobrevivemáis alá dos tanques e dos mártires, máis alá do terror e a ocupación. Lirismo e patria unidos en palabras que se saben tan profundas como amargas.

· Henry David Thoreau, Caminar, Ediciones Árdora exprés (2010); ou de como defender, desde unha posición filosófica de afirmación do individuo, un retorno entusiasta cara á liberdade da natureza salvaxe en contraposición a unha civilizaciónclaustrofóbica: Si te sientes dispuesto a abandonar padre y madre, hermano y hermana, esposa, hijos y amigos, y a no volver a verlos nunca; si has pagago tu deudas, hecho tu testamento, puesto en orden todos tus asuntos y eres un hombre libre; si es así, estás listo para una caminata”.

 · Begoña Caamaño, Morgana en Esmelle, Editorial Galaxia (2010); sería digno de estudo interpretar a longa querenza da literatura galega pola materia de Bretaña, en todas as épocas históricas e baixo diferentes modalidades textuais; e xusto agora, cando máis redundante semella outra revisión das lendas artúricas, sorprende con agrado esta versión feminista que afonda na psicoloxía de personaxes como Morgana ou Xenebra, dotándoas de peso narrativo e complexidade psicolóxica, mais sen renunciar a un fértil diálogo coa tradición literaria da fraga de Esmelle.

· Lev Tolstói, ¿Cuánta tierra necesita un hombre?, Nórdicalibros (2011); fermosísima edición ilustrada dun conto clásico da narrativa rusa; unha historia a xeito de parábola acerca da ambición humana, representada no devezo obsesivo de Pajom, o campesiño protagonista, por posuír cada vez unha maior extensión de terras… Ou de como o mecanismo de reloxería dun relato breve suxire perfectamente a imaxe da cobiza devorándose a si mesma (relato que deberían ler como advertencia aqueles políticos que aínda pretenden domesticar o instinto depredador dos Mercados).

· H. H. Munro, Saki, El contador de cuentos, Ediciones Ekaré (2009); nun vagón de tren atopamos tres nenos moi trastes acompañados e vixiados pola súa tía, ademais dun viaxeiro descoñecido alleo ao grupo anterior; a tía intenta que os sobriños acouguen relatándolles historias tan virtuosas como aburridas, ata que o viaxeiro decide intervir engaiolando ao público infantil cun relato diferente e nada tedioso. Gocen, se tiveren media horiña, desta auténtica alfaia literaria a cargo dun autor que foi definido por Graham Greene como o mellor humorista inglés do século XX.

Ata aquí chegamos nesta improvisada viaxe, con devezo de boa sombra á roda dun carballo; e se as lecturas anteriores non resultan de agrado para o seu padal literario, rogo non sexan severos no xuízo e saiban desculpar cando menos as honestas intencións deste intermediario, en canto só pretendía satisfacer o gusto con petiscos diversos e se cadra un chisco heterodoxos.

Comentarios