Opinión

A asemblea do BNG

  Ao longo das súas 3 décadas de existencia, o Bloque Nacionalista Galego conformouse como o principal portador do proxecto nacional galego, como o referente político daqueles sectores do noso pobo que conciben Galiza como nación e que a queren libre, sen máis límite que o resultante da súa propia vontade. O que foi certo nos anos '80, nos '90, e no principio do século XXI, continúa a selo agora.

Ao longo das súas 3 décadas de existencia, o Bloque Nacionalista Galego conformouse como o principal portador do proxecto nacional galego, como o referente político daqueles sectores do noso pobo que conciben Galiza como nación e que a queren libre, sen máis límite que o resultante da súa propia vontade.

O que foi certo nos anos '80, nos '90, e no principio do século XXI, continúa a selo agora. No ámbito das forzas políticas, o BNG é o depositario do proxecto nacional enxergado nas súas coordenadas máis xenuínas, isto é, a consideración de Galiza como nación (como fonte de soberanía) e a convicción de que os problemas nacionais só se poden resolver desde nós propi@s, se quixermos parafrasear a semántica do nome gaélico do Sinn Féin.

O BNG atravesa unha situación politicamente moi complexa, marcada polos resultados eleitorais de outubro de 2012 e pola marcha do seu seo de grupos organizados, entre eles o liderado por Beiras. Mas os fenómenos de superficie non poden empecer que analisemos o que se move debaixo e que o fagamos sen preconceitos e sen atendermos as categorías con que nos bombardean as fábricas de opinión sistémicas.

Se así o fixermos, concluiremos que a crise do capitalismo encetada en 2008 non podía deixar de ter efeitos políticos no Estado español e nas nacións que este contén, entre elas Galiza. O primeiro efeito foi paradoxal: o estado virábase aínda máis vasalo de Europa (até o punto de lle oferecer unha reforma express da Constitución, para a aquelar ao dogma do déficit cero) ao tempo que reagromaban nel os instintos máis centralistas, con sectores (unha corrente cada día máis poderosa no PP e UPyD) a demandar a liquidación do chamado estado das autonomías.

Nese contexto agudizáronse as contradicións, como era inevitábel. No estado, en Catalunya, en Euskal Herria e, por suposto, en Galiza. A dialéctica principal emerxeu. Ou recentralización ou soberanía. Ou culto á hexemonía incontestábel do Banco Central Europeu que une a Merkel e a Hollande, a Rajoy ou a Rubalcaba, ou insubmisión e procura de espazos alternativos, na loita pola construción dun poder xenuinamente democrático, val dicer, popular.

E nesas andamos e ese é o cuadro en que se insire a XIV Asemblea Nacional do BNG. Pois ben, nese marco, e a diferenza doutros, o Bloque toma partido e faino sen complexos a prol da conquista da plena soberanía nacional, como corresponde a unha forza nacionalista consciente de que a vía estatutaria está morta e de que Galiza non pode ficar atrás no momento en que, por empregarmos un símil proveniente do ciclismo, Catalunya e Euskal Herria demarran e liscan do pelotón.

Nunca foi doado ser nacionalista en Galiza. Nen antes nen durante a República nen durante a guerra e a longa ditadura nen coa restauración borbónica. Non o é agora. Mais ser nacionalista, ser soberanista, non é unha opción para o BNG. É unha necesidade. E selo implica necesariamente defender o criterio de que somos @s galeg@s quen nos debemos autogobernar, sen pedirmos permiso a ninguén, e moito menos a quen di defender o dereito de autodeterminación mas despois ataca as arelas independentistas do pobo catalán.

Saudamos, pois, esta asemblea nacional do BNG e facemos votos porque dela resulte o fortalecemento do proxecto nacional galego, a única vía de os nosos problemas colectivos viren a ter solución.

Comentarios