Opinión

Reforma laboral versus marco galego de relación laborais

O actual Goberno do Estado vense proclamando como o "goberno máis progresista da historia" malia que os feitos constatan o contrario. A gran maioría das súas promesas cando se concretan en norma legal convértense nunha fraude. O compromiso de derrogar a reforma das pensións e a reforma laboral é un bo exemplo. As modificacións resultan ser unha verdadeira estafa política ao non recuperar os dereitos perdidos e consolidar todos os aspectos lesivos e regresivos impostos nas anteriores reformas. O mesmo pode suceder coa lei mordaza, aínda vixente, e coa lei de memoria democrática.

O Real Decreto Lei 32/2021 de medidas urxentes para a reforma laboral -resultado do acordo entre o Goberno a CEOE, CEPYME, CCOO e UGT- supón unha proba máis da total submisión destes sindicatos aos intereses do capital. É a reforma da patronal feita pola "esquerda", coa que Ciudadanos e o PP (que votará en contra por tacticismo electoral) se amosan oufanos e as direccións de CCOO e UGT mais as súas sucursais en Galiza teñen que recorrer á mentira e a demagoxia para poder xustificar a súa sinatura. UP e PSOE pasaron da promesa electoral da súa derrogación íntegra a promover un acordo que mantén o modelo de despedimento que, debido ao seu baixo custo e á facilidade para executalo, se converte na fonte principal da precariedade e temporalidade. Esta reforma desenténdese do pagamento dos salarios de trámite; continúa sen ser preceptiva a autorización administrativa para os EREs, ERTEs e para os despidos colectivos; persiste en reforzar o marco estatal da negociación colectiva ao prevalecer os convenios de ámbito estatal por riba dos galegos ou provinciais e crea un novo mecanismo REDE, centralizador, para financiar as empresas con recursos públicos e fondos da UE.

Estamos, de novo, ante un pacto social en beneficio da patronal, auspiciado, neste caso, pola autodenominada "esquerda española" e supervisado pola UE en pago aos fondos "Next Generation". Un revival da reforma do PP de 2012. Por iso, resulta indecente a propaganda pomposa e enganosa, presentada con todo tipo de artificio e con grande eco mediático, que busca manipular a opinión pública, falseando a realidade do acordado. Non é posíbel unha reforma laboral beneficiosa para a clase traballadora que satisfaga a patronal. Son intereses enfrontados. A loita de clases existe.

Vía Galega recolle na  Carta dos Dereitos do Pobo Galego, o dereito a un marco galego de relacións laborais. A reforma laboral nega a plurinacionalidade do Estado Español e prohibe dotármonos dun marco propio de negociación colectiva. Todas as forzas parlamentares españolas desde Vox a UP e as organizacións sindicais CCOO e UGT coinciden en reforzar a centralización da negociación colectiva e españolizar a normativa laboral. Os sindicatos españois son gardiáns e impulsores da primacía do marco estatal de negociación, malia a que os acordos marco e os convenios estatais actúan como un obstáculo para mellorar a vida laboral. As conquistas sociolaborais conséguense nos convenios provinciais e galegos e non mediante o pacto social. Disto son ben coñecedores os sindicatos españois, mais o seu modelo sindical centralista, domesticado e antidemocrático, prima  por riba dos intereses da clase traballadora galega.

A falacia do "dialogo social", ademais de estar ao servizo dos intereses do capital e renunciar á defensa da clase traballadora galega, suplanta os mecanismos estabelecidos para a negociación, co obxecto de excluír o sindicalismo nacionalista. Por certo, o galego e vasco maioritarios e coa condición de "máis representativos" nas súas respectivas nacións. No ámbito do traballo, como noutros, deciden por nós e, moitas veces, contra nós. O marco galego de relacións laborais constitúe un dereito democrático, contribúe a apuntalar a autoorganización da clase traballadora, a mellorar as condicións de vida e supón un piar necesario e imprescindíbel para avanzar na construción nacional e ir acadando cotas de soberanía mediante decisións propias no ámbito sociolaboral.

O Goberno pretende bloquear calquera mellora na súa validación no Congreso. Non hai ningunha razón para avalar unha reforma que non recupera dereitos, acrecenta a nosa dependencia nacional e implica precariedade laboral. A derrogación é a única  solución.

Comentarios