Opinión

Acoso a Galiza

Asistimos a un novo curso político asentado no desmantelamento industrial e no espolio e abuso das eléctricas e do capital financeiro. Un curso cargado de conflitividade social e laboral. En tempos de pandemia, sufrimos unha sanidade pública deteriorada e empeorada. Soportamos un ensino con grandes necesidades, desgaleguizado e con recortes de profesorado. Carecemos duns servizos sociais ben dotados e universais, mentres a Xunta de Feixoo desvía centos de millóns de euros para o sector privado. Por outra parte, o Goberno do Estado persiste en non restituír os dereitos laborais arrebatados a clase traballadora e continúa sen derrogar a reforma laboral e  reafirma a das pensión no novo  proxecto de lei. 

Tanto o Goberno Galego como o do Estado  entréganse aos intereses espurios das eléctricas e da banca, é dicir aos intereses da oligarquía. Permíteselle, amparados nunha lexislación ao seu servizo, fixar uns prezos da luz abusivos, impedíndolle ás clases populares acceder, a prezos xustos e razoábeis, a un ben imprescindíbel para poder satisfacer as necesidades vitais básicas. O capital transnacional  actúa con total impunidade. Baleiran os encoros de forma ilegal, co beneplácito da Xunta, co único obxectivo de incrementar os seus dividendos e, porén, o PP  négase a constituír unha comisión  parlementar para pedir responsabilidades. O contubernio da Xunta coas eléctricas é total,  por iso rexeita reverter para a xestión pública as concesións que rematen  dos saltos  e   os  beneficios recaian en Galiza. Máis unha vez, o PP e o PSOE  veñen de evitar que se aprobe no parlamento unha  tarifa eléctrica galega para abaratar a luz. Os dous gobernos facilitan que esta conducta depredadora e estafadora do oligopolio eléctrico avance sen limites. Nin se  aposta pola creación dun sector público galego da electricidade nin se intervén para fixar un prezo razoábel da luz, mediante unha tarifa  eléctrica propia,  mostra palpábel  da subordinación do poder político aos intereses e mandatos do grande capital e a  falta de soberanía nacional

Primeiro os encoros asolagaron e destruíron os nosos vales e expulsaron as súas xentes á emigración. Agora, inzan os nosos montes  con decenas de parques eólicos e ameazan con invadir o noso mar cos eólicos mariños. Somos excedentarios en produción eléctrica,  mais os propietarios non somos os galegos e galegas, senón as multinacionais que teñen a Galiza como unha fonte de recursos para aumentar os seus beneficios multimillonarios, actuando como verdadeiros saqueadores. Cargamos coas consecuencias sociais e ambientais para abastecer outros territorios e nin sequera temos unha tarifa eléctrica galega que, polo menos, atenúe as consecuencias desta explotación colonial.  Perpetuase, así, o papel dependente de Galiza, fornecedora de recursos naturais e enerxéticos ao servizo e en mans do capital estranxeiro. Todo amparado por nunha lexislación ditada baixo os intereses das eléctricas, para iso colocan nos seus consellos de administración a altos excargos do PP e PSOE. 

Resulta obsceno que a Xunta lle subvencione a instalación de caixeiros á Abanca en substitución das sucursais que pecha, deixando a concellos enteiros sen servizos bancarios e promovendo a destrución de emprego, malia a ter beneficios multimillonarios. A complicidade de Feixoo coa Abanca é absoluta. Permítelle crear a primeira universidade privada en Galiza; entrégalle por 900 millóns de euros NovaCaixaGalicia, cando os beneficios netos de Abanca desde aquela xa foron de 3.382 millóns, en lugar de crear unha banca pública galega para que os nosos aforros non emigren e revertan no benestar social do País.

 A oligarquía, a monarquía, o goberno central e o galego déronse cita na Toxa. Os que negan e acosan  a nosa nación, os protagonistas da nosa dependencia, do noso espolio enerxético e bancario abrazáronse, de novo, co presidente Feixoo que, como bo colonizado, sentiuse oufano do seu papel de vasalo e participe da negación dos nosos dereitos nacionais. Fan ostentación do seu dominio e opresión, incluso reprimindo e prohibindo o dereito á manifestación e agredindo brutalmente o noso  idioma, ao deturpar o topónimo A Toxa. Único xenuíno e legal 

Comentarios