Opinión

Carta Aberta ao Futuro

Escribo este artigo con anterioridade ao debate formateado pola CRTVG para escenificar as consignas electoralistas do PP. Como de costume.

Todo o mundo sabe que o campo electoral é un xogo. Un xogo tópica e tipicamente masculinista, cuxo obxectivo é gañar. Sen máis. É ademais un xogo, onde a igualdade de partes está seriamente comprometida pola interferencia de múltiples factores que favorecen ao partido ou partidos con poder, en claro menoscabo daquelas formacións políticas carentes deste tipo de resortes.

Así pois, con independencia dos avatares de campaña, o certo é que en Galiza, dirímese que políticas; con que dirección e sentido, van rexer os vindeiros catro anos e condicionar o noso porvir.

E temos dúas opcións claras: ou o PP e a “Galicia que non para”… Non para, si, de perder poboación; de malograr os seus sectores primarios; de desprenderse da escasa industria que ten (tiña); de desaproveitar o seu magnífico ecosistema; de expulsar a nosa mocidade cara a emigración; de deteriorar a nosa lingua; desperdiciar a nosa cultura; degradar o noso sistema sanitario; descoidar os nosos maiores… En fin, unha política de clara privatización duns eventuais beneficios que deberían estar ao servizo de toda a sociedade galega (como o vento e a enerxía en xeral) e socializar as perdas (como ocorreu coas Caixas de Aforro galegas). En resumo: unha Galiza a cada paso máis empobrecida, encabezada por un candidato que se agocha e foxe de todo canto debate se lle propón, porque non ten nada positivo que ofrecer á maioría social do noso País. O herdeiro daquel presidente que logo de dicir “Galicia, Galicia, Galicia”, marchou para Madrid porque Galiza, efectivamente, non era suficiente para colmar as súas expectativas persoais. Si ese “Feijóo” servil que fronte á reclamación dunha tarifa eléctrica para Galiza, dixo que non, porque en Madrid “non o entenderían”. Vaia por Deus!

Mais temos outra opción clara: A que encabeza e representa Ana Pontón, unha muller cunha traxectoria impecábel de servizo a un proxecto común, como é o BNG, capaz de situar a Galiza no centro da Política; traballando polas necesidades e intereses xerais das galegas e galegos; rachando cunha tradición de instrumentalización permanente cara a outros intereses que a veñen colocando na periferia, causa do éxodo constante e empobrecemento xeral do país.

Temos, xa que logo que escoller: ou sermos centro ou continuar a soportar a noso existir como periferia.

Coñezo politicamente Ana Pontón. Teño traballado ao seu carón. É reflexiva, responsábel, capaz, esforzada; cunha vontade e determinación inmensas e ama, ama a Galiza e ás súas xentes por riba de todo. É o futuro, que está aí, a un pasiño do porvir. Unha persoa preparada para colocar este noso país á altura que se merece, porque escoita, coñece as nosas posibilidades e ten a firme vontade de convertelas en realidade.

Hai uns quince días regalounos unha foto. A do abrazo con Beiras . Escenificábase así a capacidade de dialogar; de construír e reconstruír. De tecer.

E o outro día deixounos outro agasallo, con outra foto. Non era para a simple galería. Contiña unha mensaxe clara., alí, cos seus pais en Chorente. De novo, Ana a tirar do nobelo. Volver ás orixes; recoller a forza dos seus valores para avanzar.

Segundo contan as crónicas reivindicouse como unha “rapaza de aldea”, ao tempo que deitaba unha frase: “Nacer nunha familia humilde, traballadora e de aldea non implica ser menos ca ninguén, nin ten por que limitar o teu futuro”. Respirei! Balbino, o protagonista da novela de Neira Vilas; aquel rapaz de aldea; lembran? “Un ninguén” definitiva e felizmente, quedaba atrás.

E logo, como colofón, Aurita, a reclamar a confianza colectiva na súa filla porque “vai traballar sempre coas mans libres e as mans limpas”. Toda unha promesa para o futuro de Galiza. Para todas e todos nós.

Toca escoller.

Comentarios