Opinión

Repensar a escola

Estabamos nun proceso de repensar a escola, recreala a partir das investigacións máis recentes sobre como aprendemos e do contexto actual, e chegou o virus. Inesperado, veloz, e arrasando con todo. Freou a reflexión, e seguindo ese ritmo intenso e inmediato, como se dunha cicloxénese se tratase, borrou toda a cordura que estaba asumindo o sistema educativo público, tan necesaria para crear unha sociedade xusta e solidaria.

Eran tempos veloces, e pensabamos a educación a modiño, cociñabamos a lume lento unha educación pública de tod@s e para tod@s, unha educación inclusiva que vía na diversidade unha fortaleza, no coñecemento mutuo o cambio, e nos obstáculos un reto. Esta escola, loitaba cunha escola tradicional moi asentada, cómoda, e centrada na transmisión de contidos (non de coñecemento). Unha concepción dinámica do ensino, baseada no que aprende, enfrontábase a unha concepción estática centrada no que ensina, e na mera transmisión de contidos (sen criterio, nin crítica posible).

Facede unha lista de avances na escola dende a escola dos vosos pais e nais, e contrapoñédea cos cambios sociais dende entón até agora, e veredes o a modiño que se moveu a nosa escola.

Aínda así, o cambio máis salientable, sen chegar a ser aínda hoxe o desexable, e tendo moito que mellorar, foi o avance en igualdade de oportunidades a nivel educativo, afondar na idea da educación como medio de posibilitar o benestar social, económico e emocional das persoas. De crear persoas conscientes, solidarias, respectuosas, críticas, creativas, ..., e unidas.

Xusto o que se nos pide agora, repítesenos até a saciedade que esteamos xuntos e xuntas nisto (para ser literais: xuntos).

Iamos a modiño, pero nun camiño pensado. É agora, no tempo de parar, no tempo regalado para facer ben as cousas, semella que temos que ir rápido, veloces, actuar sen pensar, irreflexivamente e sen pór enriba da mesa as consecuencias do que estamos a facer. O contexto social é determinante para calquera tipo de estudo dun fenómeno ou realidade. A escola é un contexto social. Non se entende a escola sen o grupo. Non hai escola sen aula.

O contexto é tan importante na comunicación que debería ser o primeiro a analizar á hora de ler un libro, mirar unha película, escoitar unha canción ou simplemente falar con outra persoa. Non hai educación sen comunicación. E por tanto non existe educación sen valorar o contexto, sen reflexión sobre el.

A análise do contexto e a resposta á diversidade de estilos de aprendizaxe e a xestión emocional, deben marcar a intervención do profesorado.

E aquí e onde atopamos o dilema moral,

Continuamos co reto de conseguir a igualdade de oportunidades real?, ou caemos no precipicio da educación “online” sen ningunha garantía, sen ningunha reflexión, sen ter en conta o contexto, nin o estilo de aprendizaxe, nin o estado emocional. Sen estar “xuntos”, como nos piden, porque para min xuntos, significa tod@s.

Comentarios