Opinión

O futuro pasa por un cambio de mentalidade

O planeta que deixamos ás seguintes xeracións está feito unha merda no sentido amplo da palabra. É dura esta afirmación? Por suposto, sobre todo porque non nos exime da responsabilidade individual: quecemento global, cambio climático, crise enerxética, perda de biodiversidade e un longo etcétera de termos e combinacións de palabras que levan cara ao que pode ser un colapso mundial.

Os adultos de hoxe debemos ser o exemplo dos adultos do mañá. Bastante fixemos herdando un mundo onde contaminar máis tiña premio ou simplemente non restaba e onde a cultura do "pero se o fan todos!", estaba -ou está- normalizada.

De seguir así estamos abocados a un futuro incerto, se podemos chamarlle futuro, e, dende a miña opinión, só pode salvarnos a educación: educar aos que xa agora poden  sufrir as consecuencias da falta de concienciación por parte das xeracións anteriores. Esas que para desfacerse da súa lavadora acudían ao monte sorteando camiños imposibles ata chegar a un punto "escondido" e tirala, un lugar que xa fora atopado por outros anteriormente e onde ademais da lavadora tamén fan compañía un televisor ou unha cadeira de brazos de coiro granate...

Certo que melloramos nos últimos anos, pero non o suficiente, e así nolo di o planeta. 13 anos traballando polo medio ambiente desde a investigación serviron para decatarme de que na sociedade está o poder de cambiar o final ao que nos diriximos. Que a clase política ten e moito que dicir e que os intereses económicos mandan, sabémolo todos pero cada un/unha de nós ten tamén un poder e cada acción individual conta.  

A educación é a clave e a economía circular unha posible ferramenta, darlle un novo uso a aquilo que xa tiñamos apartado

Normalizamos que nas cidades os nenos xoguen en parques de caucho, iso si, pintados de todas as cores posibles dunha boa paleta de calquera pintor que se prece, con tobogáns das máis variadas formas, pero desmerecemos o verde das árbores que purifican o aire e ofrecen aos máis pequenos a súa sombra onde tomar as merendas.  Merendas que deixaron de vir nas bolsas de tea bordadas que mercabamos nas mercerías do barrio para cambiar por catro galletas en bolsiñas individuais de plástico que á súa vez veñen nunha caixa de cartón e ao que acompaña un bebible por se era pouco residuo. Así temos outro bote máis para a colección.

En pouco tempo pasamos de ateigar o coche, incluso superando o número de prazas - hoxe suporía unha retirada do permiso de conducir- a ir traballar a 1 km da casa en coche de forma individual, enténdase na esaxeración que o uso desmedido do vehículo privado o único que fai é aumentar o parque móbil dunha cidade co consecuente aumento de emisións de gases de efecto invernadoiro, consumo de combustibles fósiles, demanda de espazo para coches, aumento das consecuencias negativas para a saúde e o medio ambiente. Sen ir máis lonxe, podémolo ver en Vigo, xa que é a cidade estatal con máis coches por habitante.

Poñemos de mal exemplo as cidades, pero o rural tampouco se salva, temos as prácticas de gandería extensiva e o trato do xurro que se xera. "Por que tratalo se toda a vida se botou ao río ou á leira do veciño ou no regato de 'alá arriba' que total iso non fai nada... que é todo natural... é abono?".

Nas últimas décadas adoptamos comportamentos e actitudes que nunca deberían selo. Isto ponnos en risco. Se os máis novos non teñen claro que este planeta non soporta este consumo desmesurado, esta xeración de residuos sen límites, o uso de combustibles fósiles, a electrificación masiva ou a perda de biodiversidade...  o chamado planeta Terra, tal e como o coñecemos, non ten futuro. De aí a necesidade dunha educación ambiental.

Lanzo unha pregunta: pode chegar o día en que Galicia deixe de ser a verde terra que coñecemos hoxe? Se a pregunta a tivesen que responder as avoas, supoño que a resposta sería unha mirada de asombro pola propia pregunta. Se contestásemos hoxe, quizais podería ser un "...vai ti a saber", posto que iso de que en Galicia sempre chove, ansíase cada vez menos seguro. Que llo digan a aqueles que xa padeceron restricións de auga.

O futuro non ten porque ser necesariamente tan negro como parece nalgúns casos. A educación é a clave e a economía circular unha posible ferramenta. Darlle un novo uso a aquilo que xa tiñamos apartado, sacar un novo recurso do que ata agora era un residuo, un cambio na ata agora mentalidade consumista deste e do pasado século,  serán claves para o noso futuro e o do noso planeta.

Comentarios