Opinión

Voltaremos e seremos millóns!

Honduras viviu estes días un momento desexado coa asunción da presidenta Xiomara Castro, a primeira presidenta do país, a máis votada e que ten a lexitimidade do mandato popular da refundación do país despois de 12 anos na resistencia. O golpe de estado de 2009 a Manuel Zelaya provocou unha crise política sen precedentes, chea de represión, enterros e desterros. O problema de fondo era a ruptura coa dependencia habitual dos Estados Unidos, unha axenda propia de hexemonía política no control de recursos en un paso propio en políticas públicas. Mais o imperio non perdoa e a man negra axudou no golpe, coa compracencia e apoio da dereita europea que non tivo reparo en aparecer co goberno golpista. Zelaya e Xiomara Castro tiveron que exiliarse e foi ela quen encabezou a marcha para que el voltara e pasou a ter un papel fundamental na vida política do país hondureño. Xiomara sae da confrontación, da resistencia.

Cando voltan do exilio no 2011 fundan o Partido Libre (Refundación y Libertad), hoxe partido de goberno, co que o BNG ten relacións bilaterais. Xiomara vén desa loita resistente, nas rúas, a carón dos mestres e estudantes, fundamentais na restitución da democracia; a carón dos pobos orixinarios e das loitas medio ambientais. Do Pobo e para o Pobo. O Partido Libre decide presentala de candidata no 2012 competindo contra o conservador Juan Olando Hernandez, -chamado JOH-, presidente saínte, denunciado por narcotráfico e malversación de fondos públicos. Neste tempo do goberno golpista aumentou a emigración, privatizáronse numerosos servizos públicos, destruíse a institucionalidade. 

Mais para entender o triunfo de Xiomara Castro a fronte do Partido Libre, -con máis de 1.700.000 votos-, hai que buscar a conexión co que pasou no 2009 e na confianza dos acordos previos, pois sen a resistencia popular e a evolución non habería ese triunfo da esquerda en Honduras, o cambio na traxectoria da familia Castro Zelaya, a suma de sectores arredor do Partido Libre, o fartazgo da sociedade e a necesidade dunha axenda de integración rexional urxente. 

A investidura foi no plano simbólico unha aposta para a refundación, co simbolismo de inzar unha bandeira de cor azul celeste que fora prohibida polo conservador, coa posta da banda presidencial por Zelaya á presidenta Castro, exemplarizando que o goberno golpista non tivo lexitimidade, coa presenza de pobos indíxenas no acto, e sobre todo coa definición clara de que a axenda que quere establecer en Honduras é de socialismo democrático, coas primeira medidas sociais xa marcando axenda de cambio, sen medo a definirse como goberno de esquerdas e con aposta polas relacións internacionais de cooperación. Como anécdota, cando entrou a vicepresidente norteamericana Kamala Harris o pobo cantou o de "Fuera JOH", en resposta a intervención da embaixada dos USA no golpe. 

A presidenta ten moitos retos para dar sentido á esperanza que existe no pobo por este cambio de goberno, pero non hai que esquecer que faise cargo dun país en crise, cunha gran débeda, e un país no que cómpre dar resposta aos movementos sociais e ás organizacións de base contra o capitalismo e o extractivismo, como o que está pasando na mina de Guapinol e os presos políticos e nas numerosos casos abertos do entramado financiero, corrupción e enerxias.

Para nós, foi un orgullo ser convidados despois de acompañar a denuncia do golpe dende 2009 e como dixo a filla de Berta Cáceres asasinada en 2016 polo mandato do goberno saínte, voltaremos e seremos millóns!

Comentarios