Opinión

7 de febreiro, unha capa de luz

A Galiza máis rebuldeira e rabuda, a que máis goza coa súa lingua, a dos que teiman por edificar unha sociedade máis comprometida co galego, celebra hoxe o día dos medios en galego. Unha data máxica que alumea 140 anos despois o soño dun emprendedor, Valentín Lamas Carvajal, que soubo rachar cos tópicos e emprender un camiño novo para a nosa lingua. A contrafío. Que furou a codia dos imposíbeis para, 104 anos antes que Cunqueiro, propiciar as mil primaveras máis da lingua galega a través da prensa. A celebración é un acerto da Asociación de Medios en Galego. Unha mostra do éxito que supón achegar pulos e non restalos. Un exemplo de como furar a decepción e o conformismo. É unha ledicia ollar a capa da publicación O Tío Marcos d’A Portela e sentir que o pulmón xornalístico desta lingua descansa hoxe sobre novos emprendedores que dende moitos lados sosteñen -como Sermos Galiza- un espazo propio para a nosa lingua nos medios de comunicación.

A Galiza máis rebuldeira e rabuda, a que máis goza coa súa lingua, a dos que teiman por edificar unha sociedade máis comprometida co galego, celebra hoxe o día dos medios en galego
 

 

A dificultade que supón ser emprendedor na nosa lingua engade máis mérito aínda ás cabeceiras de prensa e radio que lle dan difusión ao galego. A todos eles, o meu agradecemento infinito pola súa heroicidade e pola súa teima. O día 7 de febreiro ten que servir para louvar os que fan posíbel o gozo intelectual dos que, pudendo e querendo facelo, lemos e escoitamos o que acontece ao noso arredor (de norte a sur e dun continente a outro) na nosa lingua. A actualidade non cambia. Pero a forza da lingua, a maneira de entender o mundo, si. O emprego do galego nos medios de comunicación segue a ser, como nalgunhas rúas de Galiza, minoritario. Os que sostemos seu uso somos os que a falamos. Por iso, ter a oportunidade de informarmos en galego con perspectivas diversas axuda o noso país a darlle vida a moitas das cousas que nos sosteñen como pobo. O espazo que lle adicamos a nosa lingua é proporcional ao que lle adicamos a Galiza como país. 

Ao longo dos últimos anos, algunhas das iniciativas máis esperanzadoras do panorama editorial en galego morreron. Outras seguen en pé e con proxectos ambiciosos malia que modestos. Un orgullo de seguro para o fundador d’O Tío Marcos d’A Portela. Mais tamén unha decepción. O galego precisa de máis iniciativas para que o faladoiro público deste país enfíe o futuro con máis esperanza e porvir. Mentres, aproveitando a data que celebramos, gustaríame desexar mil primaveras máis para as iniciativas que poñan o galego na capa das súas prioridades e para os editores e xornalistas que as fan posíbeis. Este país precisa que medios coma Sermos, Praza, Tempos, Luzes, Encrucillada, ... sexan recoñecidos non só por soster unha posición editorial diferente e singular (que engade pluralidade ao país) senón porque fan posíbel que a nosa lingua siga correndo coa actualidade.

Comentarios