Opinión

Ultrapasar o X sen un chío

Acabouse chiar e rechouchiar. Após a chegada de Elon Musk a Twitter ampliouse o límite de caracteres, mudouse o sistema de verificación e o nome da histórica rede social pasou a ser X. Desde hai unhas horas non se pode twittear ou chiar nin facer retweet. Agora é 'publicar' ou 'republicar'. Imposíbel prever o futuro de X após mudanzas que teñen decepcionado as usuarias e os usuarios. Con todo, o voo do paxariño permite observar un cambio no comportamento social ao longo destes anos.

Descoñezo se a mudanza sería acelerada por Twitter, mais desde a súa eclosión os tempos na sociedade son de chíos, da inmediatez, do fluído, do líquido, do imperdurábel. E somos nós a golpe de chío. Os artistas de hoxe son esquecidos mañá, o idadismo, a música que hai que ouvir nun día e non volverás escoitar, os mellores amigos a esquecer no ocaso, vivir para fluír, as candidaturas políticas que arrasan para despois desaparecer, as revolucións cosméticas que non mudan a raíz para que nada mude...

A vida dura o que un misto, o que un chío. A artista, escritora, político ou actriz de hoxe será negada mañá. A vida como un chío dura o que un misto. E logo vén outro misto. E outro. E outro chío, que agora é X. E así, almacénanse mistos queimados até esgotar a caixa. Non gostaría pecar nestas liñas de cínico e, aínda que non chíe a diario non paso un día sen abrir unha vintena de veces, como mínimo, a aplicación.

Mais a fin de Twitter non deixa de coincidir no tempo co ocaso do 15-M, un 15-M impugnador do réxime do 78 que tristemente foi empregado desde dentro e fóra para impugnar o sólido e apostar no fluído para que nada mudase. Quede o fluído para os 40 Principais. Apóstese na memoria, no presente e futuro con paso firme e conciencia colectiva para sermos país.

Comentarios