Opinión

Rebaixas todo o ano

Época de rebaixas, cada vez máis desestacionalizadas, o que provoca as críticas do pequeno e mediano comercio que, coa liberalización dos saldos, resúltalles máis complicado existir fronte ás grandes multinacionais. Rebaixas tamén en dereitos lingüísticos e alza da galegofobia. Para mostra o que percibín onte antes de escribir estas liñas. Diríxome a coller o tren na estación de Vigo que me levará a Compostela. Para chegar ao comboio debo percorrer un longo corredor que atravesa o centro comercial Vialia. Os ferrocarrís parten do soto deste enorme edificio.

Entro en Vialia e xa non me sorprende que toda a sinaléctica do centro comercial ignore o galego -indicadores de andares, accesos, saídas, aseos, rúas... só en castelán-.

A novidade son os carteis das rebaixas que penduraron os estabelecementos comerciais. Dou os primeiros pasos polo centro comercial, New Yorker, as deportivas Sprinter, Décimas, Tenth e JD Sports, Merkel e a tenda de Adidas... a súa cartelaría das rebaixas pendurada dos escaparates só está escrita en español. Empurrado pola indignación e a curiosidade e agardando levar unha sorpresa agradábel, subo ao segundo andar. E non... os escaparates de C&A, Cortefiel, Women'secret, Calzedonia, Tezenis, Denim Friends, Springfield, H&M e Mango teñen a cartelaría de rebaixas en español e sen rastro de galego.

Quero facerlles unha pregunta ás empresas aquí nomeadas, por que ignoran o galego? Por que nos desprezan tanto? É tempo de rebaixas nas tendas e de rebaixas todo o ano en dereitos lingüísticos. Até cando?

Ás veces magnificamos os recordos, mais lembro de pequeno -serían os anos 90- que moitos estabelecementos de Vigo tiñan carteis das rebaixas en galego, moito destes carteis eran editados e repartidos pola Mesa pola Normalización Lingüística nunha magnífica e vistosa campaña.

Hai involución, si, mais non esquezamos que podemos e debemos, co noso tesón, demandar servizo, atención e sinaléctica en galego en toda parte.

Comentarios