Opinión

Lume para que saia o sol

Estes días trouxo Nós Diario unha desas noticias que alegran todo un verán, Lamatumbá volta aos escenarios após 12 anos de “silencio”. Cantos concertos e festivais que xa son historia levan os sons desta icónica banda da Galiza e un título en maiúsculas, o do disco 'Lume (para que saia o sol)', que puxo sons a unha terra viva que celebra a cultura popular e o existir do país. Sons cos que medrou unha ou varias xeracións e que voltan, por fin, aos escenarios. 

Lume, cantaban, como o das cacharelas da noite de mañá para celebrar a vida. Lume tamén, onde poden arder afrontas e lamentos, lume para purificar e comezar un novo tempo ás portas dun San Xoán que, á súa vez, chega xusto a un mes de que decorran as eleccións estatais que marcarán catro anos de oportunidades ou de miseria, todo por decidir, desde logo. 

Estaría ben que este lume puxese fin a afrontas que nos chegan nestes días convulsos, como a “caducidade” da transferencia das competencias sobre a autoestrada da AP-9 á Galiza, acordada por unanimidade no Parlamento galego a proposta do BNG, e bloqueada polo PSOE e o PP no Congreso español, nesta ocasión a base de emendas que unicamente serviron para dilatar o debate en Madrid para, coa convocatoria electoral, pór fin a un proceso que haberá, de novo, que reiniciar coa nova lexislatura. 

Un espectáculo, o da dilatación da transferencia da AP-9 en Madrid polas forza estatais, que avergoña Galiza. 

Do mesmo modo que esta semana vimos como o Ministerio Público se autoemendou no xuízo polo accidente ferroviario de Angrois en 2013 para desdicirse e agora exculpar o ex dirixente de Adif, home forte dos ministros José Branco (PSOE) e Ana Pastor (PP), da falta se seguranza no traxecto. 

Lume novo para que este 23 de xuño e o vindeiro 23 de xullo comece un tempo en que as galegas e os galegos sexamos protagonistas das nosas propias vidas, tamén na política.

Comentarios