Opinión

Desembarco do rei

Regresa o rei emérito español, Juan Carlos I de Borbón, á Galiza, e faino por terceira vez desde que abandonou o Estado após os escándalos e acusacións de lavado de cartos. Unha fuxida para facilitar o sostemento da coroa no seu fillo. E regresa a Sanxenxo, onde quere estabelecer a súa Corte, navegando no Bribón, embarcando e desembarcando na ría canto desexar, coa impunidade que lle outorgan os poderes Executivo, Lexislativo e Xudicial dun Estado en que non houbo ruptura coa ditadura que o entronizou como garantía da preservación da unidade de España.

PSOE e PP bloquearon nesta lexislatura as distintas peticións que se fixeron de investigación no Congreso sobre o patrimonio do emérito para aclarar se houbo desvíos ou lavado de cartos e utilización de fondos reservados para as súas afeccións. A nova lexislatura pode ser unha oportunidade para que o progresismo estatal se abra a viabilizar a investigación na Cámara xa que a chave tanto da investidura da Presidencia do Estado como da gobernabilidade recae nas forzas nacionalistas da Galiza, Euskal Herria e Catalunya, que avogan ademais polas repúblicas.

Sería bon investigar estes aspectos tanto para as nacións sen Estado como para o propio Estado español se este quixer ser unha democracia de calidade e deixar atrás o "atado e ben atado" que Franco legou co beneplácito das forzas progresistas estatais. Porén, a historia e os feitos reforzan o escepticismo a respecto disto último.

Non parece casual que o Borbón desembarque na Galiza após as eleccións estatais aínda que os comicios non saíron fáciles para os seus intereses cun Feixoo sen apoios alén dos da ultradereita, cos que non suma. A sociedade galega está cansa de ser a Corte dun personaxe como este nunha vila como Sanxenxo, campo de batalla do ultraespañolismo que hai semanas volveu coa campaña a prol da deturpación da toponimia. Quererá o Borbón que a Galiza sexa destino da súa doce xubilación como pasou co ex ministro  de Franco, Manuel Fraga Iribarne? Merecemos ser tratados desta maneira?

Comentarios