Opinión

Tribulación en Washington

Se puidésemos sintetizar en dúas palabras o resultado da última viaxe do Secretario de Estado Anthony Blinken a Beijing as máis acertadas serían ridículo e impotencia. A viaxe produciuse despois de que a OTAN confirmase internamente o gravísimo desastre militar da última "contraofensiva" ucraína con centos de vehículos blindados occidentais e milleiros de soldados aniquilados en menos dunha semana. Claro, oficialmente non se admite o desastre e, por suposto, os grandes medios prefiren seguir coa disonancia cognitiva.

Definitivamente, a guerra non está saíndo como se pensaba e o avó Biden quere apuntarse algún xesto positivo na súa política exterior para desviar a atención. Secasí, os resultados foron máis ben magros. Un detalle podería servir para ilustralo: a precipitada xuntanza de Blinken con Xi Jinping de apenas media hora que, segundo os sinólogos, revelaría a pouca relevancia que os chineses deron á visita do alto representante americano. Claro, os ianquis presentaron a viaxe coma un éxito, a pesar de que só falaron de incrementar o número de voos e pouco máis. Fume. Washington necesitaba apuntarse algún éxito, aínda que fose testemuñal, pero os chineses non queren xestos para a galería, senón compromisos verificábeis e o final da agresiva hexemonía ianqui.

Para entendela mellor, esta visita hai que enmarcala no contexto da debacle da guerra do leste, como sinalei antes. Hai uns días, en plena "contraofensiva" ucraína, o mesmo Biden sinalou que non vai facilitar a entrada dese país na OTAN afirmando que non cumpre cos estándares esixidos, incluída a existencia dun "sistema corrupto" (?). E esta declaración faina despois de afirmar anteriormente que estaba disposto a eliminar o requisito do Plano de Acción que obriga aos países candidatos a realizar importantes reformas militares e democráticas. Pero iso foi antes de que fracasase a "contraofensiva". Como sinala o diplomático indio MK Bhadrakumar, a última decisión de Biden contraria aos intereses ucraínos tomouna a pesar de que o secretario xeral da OTAN, Stoltenberg, lle solicitase simplificar o proceso de adhesión alegando que Kíiv xa estaba "preparado", en liña coas demandas de Polonia e os países bálticos.

Segundo Bhadakrumar, o cambio de discurso obedece a que a ofensiva ucraína contra Rusia diríxese á aniquilación do último exército de Zelenski armado, adestrado, asesorado e dirixido pola OTAN. O tempo acábase para Kíiv. "As dúas figuras que Washington tiña preparadas para o Plan B (negociación cos rusos), o comandante das forzas armadas xeneral Zaluzhny e o xefe do servizo de intelixencia Budanov, foron eliminados da ecuación nos recentes ataques rusos aos centros de mando ucraínos".

Ademais, o apoio a Biden en EUA diminúe cada mes poñendo en perigo a súa reelección e o director da CIA xa lle indicou a Zelenski que seguir coas axudas máis alá de xullo vai ser complicado. A Biden non lle queda máis remedio que aceptar a crúa realidade ou escalar ata a confrontación directa con Rusia. Está chegando á súa fin a aventura da expansión ao leste da OTAN ou a Casa Branca perdeu todo sentido da realidade? Nesas estamos.

Comentarios