Opinión

Tribulación en Mordor

Se houbese que resaltar algún elemento clave do dominio mundial de occidente no longo período posterior á Segunda Guerra Mundial, inclinaríame sen dúbida pola “relación especial” entre Londres e Washington. Durante a presidencia progresista de Franklin D.Roosevelt a afinidade co intrigante Churchill era escasa, pero a partir do mandato de Harry S. Truman todo foi vento en popa. De que vai esa “relación”?  Trátase, nin máis nin menos, que dunha alianza baseada na plena conxunción de obxectivos e na perfecta simbiose entre os servizos de intelixencia británicos e o poder militar do exército norteamericano.

O servizo da eficaz e experimentada rede de información internacional tecida durante a secular hexemonía imperial británica permitiulles aos EUA aparecer como o novo imperio global, mentres os británicos, cun esforzo mínimo, conseguían manter a súa influencia no mundo co Estado Maior occidental baixo o seu control. Pero todo iso comezou a fallar con Trump. E aínda peor, o agardado relanzamento da “relación especial” con Joe Biden enseguida se revelou como unha expectativa dubidosa. A situación é de tal gravidade que os británicos nin sequera ocultan a súa indignación. Ninguén do equipo Biden os requiriu para estudar a estratexia da retirada de Afganistán, a pesar das promesas da Nova Carta Atlántica asinada en xuño en Cornualles.

Que diaños ocorre? Algo vai mal dun tempo a esta parte. Dende o colapso económico e sanitario producido pola pandemia cada novo suceso confirma a percepción social de fracaso, decadencia e división entre as potencias (e elites) occidentais. En pouco máis de medio ano eventos de enorme contundencia visual, sucédense sen pausa: a toma do Capitolio en Washington, a masiva rebelión social contra o neoliberalismo en América Latina, a crecente precariedade e malestar social en occidente, as avalanchas sen fin de refuxiados e inmigrantes no sur de Europa, o inútil confronto coa China e Rusia e, por último, o humillante caos de Afganistán, antesala doutras continxencias similares no próximo futuro.

Non se trata de cuestións inconexas e irrelevantes, de trending topics puntuais que poden ser revertidos coa pertinente manipulación dos medios. Non, son feitos de enorme poder persuasivo que sitúan nun primeiro plano a (pura) realidade dos acontecementos, dándolle continuidade no tempo, e axudando a conformar a idea de que o sistema falla por todos os lados.

Unha conxuntura que lembra a do Imperio Romano na súa etapa crepuscular, asediado irremisibelmente pola descomposición interior e as forzas emerxentes da periferia, consecuencia do afán desmesurado de riqueza dunha minoría elitista xunto ao imparábel deterioro social. Unha descrición cravada á que padece occidente nesta altura: estancamento, inmigración masiva, división social e internacional, custosas guerras inútiles na periferia, carestía e crecente precariedade social. E todo isto, parello a unha insultante concentración da riqueza e benestar nunha minoría hedonista e ególatra afastada da realidade.

Como cantaba o trobador, a era necesita (con urxencia) parir un corazón, e alumear unha nova época.

Comentarios