Opinión

Tempo morto

Moitos respiraron aliviados na pasada noite electoral, a alianza PP-Vox non alcanzou a maioría necesaria para gobernar en Madrid en solitario. A hipotética investidura de Pedro Sánchez depende agora do voto dos nacionalistas de Galiza, Euskadi e Catalunya. A incógnita vai ser Junts, cun longo enfrontamento co PSOE na pasada lexislatura.

A polarización política propiciou unha visión en chave estatal das eleccións laminando, en xeral, as forzas nacionalistas das nacións periféricas producíndose un transvase dunha parte notábel dos seus electores (un 30% en conxunto) ao PSOE. Isto resultou claro en Catalunya coa perda de case setecentos mil votos de ERC-Junts-CUP dos cales o 60% foron ao PSC, algo a Sumar e o resto á abstención. No caso vasco o resultado estivo máis equilibrado cun transvasamento do PNV ao 50% entre Bildu e o PSE-PSOE. Por último, na Galiza o BNG logrou resistir o golpe da polarización bipartidista de forma moderada cun incremento de 30.000 votos, en gran medida polo aumento da participación. O problema do BNG foi partir dunhas expectativas demasiado ambiciosas, ademais de amosar a necesidade inaprazábel de ampliar a súa base social.

Estas eleccións viñan precedidas dunha lexislatura coas forzas de esquerda españolas encerelladas en múltiples conflitos e desacordos (que aínda permanecen) que desgastaron de forma considerábel (e merecida) a súa credibilidade. Porén, a integración de todas as siglas á esquerda do PSOE en Sumar facilitoulle o traballo aos socialistas ao potenciar a figura de Yolanda Díaz como interlocutora "razoábel" e eficaz receptora dese segmento electoral. De forma simultánea, a estratexia de alarma fascista fomentou a concentración no PSOE do voto útil centrista.

No caso do PP a estratexia consistiu en erosionar a base electoral de Vox, o seu socio indispensábel, e acumular un resultado suficiente coa captación dos seus votos e do desaparecido C’s. Para o capital transnacional, PP e PSOE son intercambiábeis, pero esta vez parecía que a quenda era para o PP. Porén, a soberbia e o escaso calado intelectual de Feijóo arruinou a operación. Veremos se o revés non se converte nunha vinganza desapiada cun bloqueo institucional a maior escala que na pasada lexislatura (con maioría absoluta do PP no Senado). 

Os resultados de Sumar, considerados un éxito, en realidade están por debaixo dos obtidos polas forzas políticas equivalentes (Podemos-ECP-IU-MM-MC) na anterior lexislatura. Unha parte notábel dos seus antigos activos (un 17%) foron directamente ao PSOE e á abstención ou incluso a outras forzas.

En resumo, á esquerda formal saíulle relativamente ben axitar o medo ao "fascismo", pero o problema vai ser gobernar nunhas condicións tan limitadas. Quizais, máis que gobernar a calquera prezo a esquerda española debería reflexionar sobre a súa estratexia e madurar. Deben admitir que sen as forzas nacionalistas non son nada, necesitan ter unha posición máis coherente na política económica, esforzarse por ter unha base social máis informada e denunciar as políticas neocoloniais, ademais de distanciarse da estratexia belicosa da OTAN. Complicado.

Comentarios