Opinión

A rebelión das neocolonias

Oéxito político-militar de Rusia enfrontando a OTAN no teatro ucraíno, ademais da súa enorme resiliencia fronte ás interminábeis sancións de EUA e da UE, revelou que Occidente non ten a forza nin o poder que moitos pensaban e iso serviu para espertar toda a periferia neocolonial do seu resignado letargo de décadas. É o que está pasando no continente africano.

Os cambios de percepción no panorama internacional son aproveitados polas diplomacias rusa e chinesa –nunha continuación dos acordos de Irán e Arabia Saudita– para acelerar a integración do Sur Global nun gran polo antihexemónico. Os recentes sucesos de desprazamento do histórico poder colonial francés no Sahel africano confirman que os cambios van en serio. A suspensión da participación rusa no Acordo de Cereais forma parte desa contraofensiva diplomática, ademais de estar plenamente xustificada polo seu flagrante incumprimento por Occidente coa complicidade da ONU. Non se cumprían os termos do acordo: os destinatarios non eran os países máis necesitados de África ou Asia (só lles chegou un ridículo 3%), en beneficio dos países ricos. 

Tampouco se cumpría coa retirada de sancións aos produtos agrícolas rusos, ademais de utilizar a ruta dos grans para trasladar armas da OTAN aos almacéns de Odessa e atacar Crimea. Putin explicoulle con claridade o que estaba ocorrendo ao atento auditorio de dirixentes africanos no último cumio Rusia-África de San Petersburgo. A defensa da soberanía alimentaria ou a distribución rusa directa (e gratuíta nalgúns casos) do cereal a África, suxerida por Putin, contou co aplauso dos países asistentes. Ao tempo, o paripé de Jeddah, montado por EUA para manipular o Sur Global contra Rusia, acabou noutro fracaso occidental máis.

Porén, os acordos en materia económica e militar asinados na cidade rusa con corenta países africanos, amosaron que Moscova –por moito que lles pese a algúns– está executando unha política percibida con sumo agrado polos países do Mundo Emerxente. A receita é sinxela: a consolidación dun planeta multipolar, anticolonial e cooperativo. Aínda imperfecto, pero moito máis xusto.

O caso de Níxer é ilustrativo. Un país (segundo o BM) onde menos do 19% da xente ten acceso á enerxía eléctrica, exporta uranio a Francia nunha cantidade equivalente ao 40% da electricidade consumida polas cidades galas. As novas autoridades, que contan con grande apoio popular, depuxeron o anterior presidente (aliado do Occidente espoliador, con vínculos co xihadismo que devasta ese país e serve de coartada para as políticas neocoloniais) e acaban de suspender ese subministro (e o de ouro) nun acto sen precedentes. 

A ameaza imperial ao novo goberno de Níxer non se fixo agardar. A Subsecretaria de Estado Vitoria Nuland (famosa polo seu apoio ao golpe de Estado ucraíno de 2014) intentou convencer as novas autoridades, sen éxito, de volver á "normalidade constitucional" (léase colonial). Disonancia cognitiva ou puro cinismo? As ameazas franco-ianquis xa puxeron en alerta Alxeria, Malí e Burkina Faso amosando a súa solidariedade con Níxer. Un novo proceso de descolonización 2.0 parece estar en marcha.
 

Comentarios