Opinión

Racional escepticismo

Nunha columna do pasado xaneiro denunciaba os manexos da UE sobre as vacinas anticovid-19, en concreto a conducta permisiva da EMA coa vacina de Pfizer e a ocultación de datos sobre os fallos na súa produción. Meses despois, en plena polémica coa vacina de AstraZeneca (AZ) apareceron algúns informes analizando a letalidade relacionada coa vacinación da Covid. O primeiro foi realizado polo londiniense Instituto para o Cambio Global sinalando que nese país a letalidade de Pfizer era o dobre que con AZ. Outro estudo, que recolle datos oficiais de 13 países, entre os que figuran EUA, varios da UE, RU e países de América Latina e Asia, profunda sobre este particular ampliando a análise a outras vacinas. 

De acordo con eses datos, a mortalidade relacionada coas 347 millóns de doses subministradas de Pfizer, Moderna, AZ e J&J ata abril, alcanzaba as 4.627 defuncións, resultando unha media ponderada de 13 mortes por millón de doses administradas. Non obstante, os datos referidos a cada vacina non manteñen a mesma proporcionalidade. Así, a letalidade relacionada en individuos por millón de doses tería a seguinte distribución: 39,4 Pfizer, 20,2 Moderna, 12,8 AZ e 7,5 para J&J.

Sendo un firme partidario da vacinación o que me sorprende de todo isto é a opacidade das autoridades políticas e dunha parte da comunidade científica, limitándose a afirmar, como nunha sorte de esconxuro máxico, que os beneficios das vacinas anti-Covid son superiores aos seus efectos negativos. Resulta evidente, pero esa “sisuda” explicación é a todas luces insuficiente. 

Por exemplo, cómpre que se coñeza que a vacina de AZ está baseada na tecnoloxía de adenovirus de chimpancé, unha plataforma que non está suficientemente experimentada. O mesmo sucede coa de Pfizer e aquelas que utilizan ARN mensaxeiro. Esas tecnoloxías non dispoñen aínda de estudos de seguridade sobre os efectos a medio e longo prazo, ao contrario do que sucede coas plataformas baseadas en adenovirus humanos, con experiencia de décadas, como ocorre coa SputnikV do Instituto Gamaleya. Entón, por que a EMA non autoriza as vacinas de menor risco? A clave está nos burócratas da UE, ao servizo dos lobbies que controlan o negocio das vacinas (os todopoderosos xestores de fondos globais, liderados por BlackRock, propietarios de todas as grandes farmacéuticas occidentais). O de menos para eles son os efectos negativos das vacinas; se algunha cae (como AZ) teñen outras dispoñíbeis e, a poder ser, máis caras (como Pfizer). Non hai ética nin neutralidade, manda o beneficio, por iso non se dan presa coa SputnikV.

En definitiva, a urxencia da vacinación non debe ser un obstáculo para que todo o mundo estea ben informado e dispoña de todas as opcións. O escepticismo ben argumentado (vital na ciencia e na vida) é fundamental para manter a lucidez e o progreso. Entre tanto, a pesar de varias denuncias en países como Francia e Noruega sobre os efectos secundarios de Pfizer (tromboses da vea porta), nin a EMA nin as autoridades europeas parecen darse por aludidas. Non me parece unha boa estratexia para xerar confianza na ciencia, nas vacinas e nas institucións.

Comentarios