Opinión

A psicose das elites

Seguindo as reflexións arredor do sofisticado totalitarismo occidental, resulta interesante aproximarnos aos traballos de Mattias Desmet, profesor de Psicoloxía Clínica na Universidade de Ghent (Bélxica). Segundo Desmet, "os gobernos, medios de comunicación e outras elites afíns utilizan o medo, a soidade e o illamento para desmoralizar a xente e exercer o control, persuadindo a grandes grupos de persoas para que actúen en contra dos seus propios intereses, con resultados destrutivos". Algúns aspectos da pasada pandemia ou a grave crise económica (aínda en desenvolvemento) derivada das sancións a Rusia entrarían nesta estratexia.

A primeira característica deste sistema é a comunicación descentralizada dixitalizada e algorítmica das redes sociais (pero fortemente controlada) facilitando a rapidez das mensaxes e unha gran masa de destinatarios. Así, unha parte significativa da xente forma grupos onde a análise reducionista, os rumores e a burla dos disidentes é a principal maneira de xerar opinión. Non hai pensamento fóra de Twitter, Facebook ou Instagram. Neste sistema, á parte dos bots que manipulan de forma fraudulenta determinadas opinións, a conexión coa realidade é mínima facilitando o tránsito ao auto-engano recorrendo a "animadores" de ideas afíns para validar as propias fantasías.

Neste mundo falsamente unipolar os argumentos xa non xiran ao redor da busca da verdade, senón que son xulgados pola súa fidelidade á mensaxe que se quere transmitir. Ou estás a favor ou en contra da narrativa hexemónica, calquera disidencia é unha heterodoxia inadmisíbel, incluso execrábel.

Como funciona este novo paradigma? Consiste en aceptar unha opinión non en base á acreditación da súa veracidade, senón pola adhesión á versión facilitada por persoas que se consideran "acreditadas" polo establihsment. Os adherentes están convencidos de que o seu punto de vista é correcto, pero non consideran necesario comprobar que é así.  Como ese pensamento é subxectivo pensan que o "consenso" é a única posibilidade, todo o demais é inaceptábel, a disidencia non é unha opción. O investigador Irving Janis comprobou que este foi o sistema utilizado en EUA para explicar os desastres da política exterior ianqui, como a Guerra de Corea ou a de Vietnam facendo que unha gran parte da "opinión pública" se tragase as milongas do goberno. O gran problema é que esta manipulación cognitiva da realidade logra moitas veces romper a resistencia da disidencia social.

A. Crooke, antigo asesor de seguridade de J. Solana cando era PESC e secretario xeral da OTAN, arremete contra o actual PESC da UE Josep Borrell cando este declara: "Estamos en guerra. [...] O público debe estar disposto a pagar o prezo de apoiar a Ucraína. [...] Estas cousas non son gratis". Non hai un discurso racional que explique por que esa saída suicida é a única posíbel, só traslada a opinión da OTAN como verdade indiscutíbel. Borrell cumpre a función de voceiro mecánico (un robot sen ideas propias) das perigosas psicoses das elites. Iso é o novo totalitarismo, que ata Kissinger lle ten medo ao reclamar un novo equilibrio mundial que evite o Armagedón.

Comentarios