Opinión

Prigozhin

Aínda é cedo para coñecer todas as chaves do fracasado "golpe de Estado" en Rusia. O único certo deste asunto é que todas as institucións civís e militares rusas (sen excepción), xunto coa maioría esmagadora da poboación, déronlle o seu apoio unánime ao Poder Constitucional, con Putin á cabeza, amosando a ampla unidade do país fronte a Prigozhin, un heroe nacional ata o día do motín. Agora un apestado.

Indo ao gran. Como se pode dar un golpe de Estado na segunda potencia militar do planeta, só cun grupo de mercenarios e sen apoios do exército, e sen ocupar Moscova (centro político, administrativo e militar de Rusia)? Vale, Wagner puxo en marcha o mesmo día do motín unha columna de mercenarios con destino á capital rusa. Só un pequeno detalle: Moscova está a 1.160 km de Rostov (base do motín), unhas 20 horas, como mínimo, para un convoi militar que estaría a mercé do exército regular ruso (aviación, mísiles, forzas especiais, etc.) no momento máis oportuno. Non ten ningunha lóxica.

Reflexionemos. Todos os xestos públicos de Prigozhin contra o estado maior ruso foron pura farsa, tanto no aspecto histriónico da súa escenografía como no fondo das súas diatribas, esgrimindo denuncias falsas, desmentidas pola realidade dos feitos ou facendo afirmacións contraditorias fáciles de desenmascarar. Por que o Kremlin non actuou contra un individuo próximo á intelixencia militar (GRU) e aparentemente tan inestábel? Sería o lóxico, antes de que ocorrese algo inesperado, como o aparente ataque de loucura narcisista do día 24. Salvo que esas autoridades esperasen sacar moito máis proveito das "loucuras" de Prigozhin.

Esta é unha mera hipótese. Nos famosos papeis do Pentágono, filtrados a pasada primavera, revelábase que Prigozhin colaboraba coa intelixencia militar ucraína, que é o mesmo que dicir coa OTAN. É dicir, Prigozhin puido ser utilizado por activa ou por pasiva para abanear o poder ruso (Biden, 2022: Hai que derrocar a Putin!). Non obstante, as inconsistencias táctico-estratéxicas do golpe amosarían indicios de coñecemento previo polo Kremlin e algún tipo de tolerancia inicial, ademais da participación do propio Prigozhin na farsa, ata que se lle foi das mans cando algúns contratistas de Wagner derrubaron uns helicópteros do exército. A aventura "golpista" rematou nese momento, para desagrado dos que en Occidente antes odiaban e sancionaban periodicamente a Prigozhin.

Finalmente, a brillante resolución da crise, en menos de 24 horas, co "exilio" de Prigozhin a Bielorrusia (estreita aliada de Rusia) avalaría esta versión, aínda que fose parcialmente. Se Prigozhin é un axente dobre ruso ou unha alpabarda útil de Occidente saberémolo axiña. Unha cousa é certa, Putin sae moi fortalecido deste golpe mercenario (cun 90% de popularidade), resolto paralelamente a unha guerra contra a OTAN na fronte ucraína. Ademais, o amago de golpe permitiulle ao Kremlin a localización de activos da quinta columna occidental en Rusia. Algo esencial en tempos de guerra. Quen dá máis? Pero, contra toda evidencia, en Occidente afirman que o poder do Kremlin estase esborrallando. Que espantoso ridículo.

Comentarios