Opinión

Ocaso ucraíno

Un dos efectos do xenocidio israelí en Gaza é a case desaparición da fronte ucraína dos xornais e medios televisivos. A razón, a nova fronte do Oriente Próximo resulta máis crítica e urxente para o mantemento do statu quo nunha zona vital para o subministro enerxético de Occidente. Unha hipotética derrota do xendarme local israelí resultaría inaceptábel para a anglosfera imperial. Ao tempo, a barbarie de Gaza é moi eficaz para desviar a atención da funesta deriva militar, económica e financeira do escenario ucraíno e ir preparando a opinión pública para un desenlace adverso. A manifestación institucional pro-israelí do domingo pasado en París (maquillada de protesta contra o anti-semitismo) forma parte dese novo vector informativo de manipulación de masas. (Aquí, a urxencia política do Estado Profundo esixe fulminar a Sánchez, a amnistía e o modelo de estado plural, con mobilizacións tipo Praza de Oriente, baixo a éxida dos epígonos de Franco)

Diversos artigos e reportaxes do NYT, Time ou The Economist, ademais dalgunhas declaracións  de dirixentes da UE e EUA, apuntan nesa dirección. Incluso o US News & Wolrd Report clasificou o exército ruso como o primeiro do planeta. Por iso, resulta interesante botar unha ollada á recente entrevista que o portal Ukraine.ru lle fixo ao ben informado analista e experto ruso Alexei Leonkov, editor dunha revista especializada en temas militares.

Leonkov revela que Ucraína sufriu enormes perdas durante a súa "contraofensiva" do verán pasado (calcúlanse en máis de 100.000 os soldados mortos ou feridos, cunha relación de 1:15 a favor dos rusos), pero a necesidade de manter a axuda occidental leva a Zelenski a sacrificar máis e máis unidades para continuar coa quimera de que pode derrotar a Rusia. Porén, na OTAN comezan a decatarse de que a xa escasa e apática man de obra ucraína non vai poder resolver as tarefas asignadas.

A eliminación polos rusos dunha gran cantidade de armamento occidental (Patriot, Leopard, Bradley, Himars, HARM, etc.) está persuadindo a OTAN de que as súas opcións están reducíndose de forma dramática. Agora Zelenski quere F-16, pero en Washington saben que seguirán o mesmo camiño que as outras "armas marabillosas". Mesmo o acosado (por Zelenski) xefe do Estado Maior ucraíno, o xeneral Zaluznhy, admite que as súas previsións fallaron (o 70% dos seus recursos militares están esgotados e xa non dispón de reservas útiles).

Para Leonkov, e diversos expertos de Occidente, non hai ningunha dúbida de que a OTAN e Ucraína perderon esta guerra. "Incluso se se subministran máis equipos (tanques e avións) non cambiará a situación. Se atacan, non durará moito e se se poñen á defensiva, a agonía durará algún tempo máis". Finalmente, opina (e esta é a verdadeira novidade), que o exército ruso pasará á ofensiva no próximo inverno co obxectivo estratéxico de recuperar Odesa, integrando toda a Novarossia e conectando Transnistria (en Moldavia), ademais de ocupar a ribeira dereita do Dnieper abrindo un corredor ata Hungría, seguindo a estratexia do exército soviético contra os nazis en 1945. Un prognóstico arriscado? Daquela veremos.

Comentarios