Opinión

Nessun dorma

A implantación de novos paradigmas socio-tecnolóxicos transcorre a unha velocidade vertixinosa. Trátase dun proceso sen control democrático algún e sen supervisión da ética empresarial das compañías. En definitiva, faise de costas á sociedade, á que só se contempla como medio de consumo ou, aínda peor, mera terminal do capitalismo de vixilancia. Por iso, os cambios suceden de improviso, de forma sorprendente e “marabillosa”, e sen necesidade de razóns sólidas que os xustifiquen. É o “progreso”, esa milagrosa palabra-talismán. Poucos se preguntan sobre as consecuencias de medidas tecnolóxicas de implantación unilateral para o benestar (presente e futuro) da humanidade, como a robotización masiva, a vacinación cada poucos meses sen ensaios clínicos previos (contrariando todos os canons científicos válidos ata agora), os bio-sensores, o tele-traballo (afastando aos traballadores dos centros de produción, converténdoos en autónomos e neutralizando o movemento obreiro), etc, etc. Non é que todos estes avances sexan malos per se, o problema é como se aplican, cando, por quen e para que. Esa é a cuestión.

A realidade é que esta ofensiva faise ao abeiro dunhas elites con enormes medios ao seu alcance (financeiros, económicos, sociais, culturais, científicos, tecnolóxicos, políticos, militares e mediáticos). Iso permítelles adiantarse aos acontecementos, modelando sen grandes dificultades o pensamento social, ao seu gusto e sen resistencia a maioría das veces. Tal é así que, incluso, unha grande parte da esquerda política acepta a “normalidade” desta evolución factual.

O importante é estar na onda, comprender o que está pasando e o porqué é o de menos. Nestas condicións a manipulación está asegurada, calquera cambio ou evento que se produza vai ter o formato adecuado para que resulte congruente coa narrativa dominante. A súa adopción social será automática e os que ousen manifestar algunha opinión (racional) crítica serán tidos por rancios e merecentes do fastío social e, se fose necesario, da represión política. 

Por iso, non sorprende escoitar de algúns científicos (coidado, traballan en EUA!) que dentro de dez anos será “de rigor que todo o mundo teña un sensor na cabeza, igual que agora usamos un smartphone”. E quédanse tan panchos. Non se trata de conspiranoicos, senón dun catedrático da Universidade de Columbia e un enxeñeiro de IBM que acaban de asesorar á Casa Branca (!). A Rafael Yuste (UC) e Darío Gil (IBM), este cambio transhumano-híbrido, controlado inevitabelmente polas grandes tecnolóxicas, parécelles do máis normal, aínda que albiscan consecuencias para a liberdade de expresión e de conciencia. Nada, unha insignificancia, porque enseguida relativizan os riscos: o que vén é o “inevitábel progreso” e será é unha “revolución positiva” (ollo, o único problema é o que poidan facer os chineses). Estes son os intelectuais e científicos de moda. Pódese agardar outra cousa duns empregados das tecnolóxicas? Ética, quizais?

Na fermosa obra de Puccini, a princesa Turandot ordena que ninguén durma ata que se coñeza o nome do príncipe que a desafía... Difícil encomenda.

Comentarios