Opinión

Narrativas máxicas

Os anglosaxóns son excepcionalmente hábiles en crear universos ficticios (as recreacións do recorrente mito artúrico, O Señor dos Aneis, a saga de Harry Potter, etc.), unha habelencia que cultivan con esmero os seus servizos de intelixencia cando se trata de modelar o universo informativo das numerosas guerras nas que participan de forma encuberta ou explícita. Eles sempre son os heroes, os demais os malvados.

En consecuencia, o Destino sempre estará do seu lado. O problema é que a “narrativa” só é un elemento máis dos conflitos bélicos, importante sen dúbida, pero ineficaz á larga, incluso contraproducente, se non está en sintonía cos resultados factuais no escenario militar.

Esa é a opinión do analista e ex diplomático británico Alastair Crooke ao sinalar que “resulta extremadamente arrogante crer que unha narrativa artificial pode, por se mesma, traer a vitoria”. Referíase a un vídeo publicado polo Daily Telegraph no que o xornal pretendía convencer a súa audiencia de que as narrativas gañan guerras e que os reveses no campo de batalla son secundarios. Claro, os anglo-americanos sempre contaron coa baralla da sorte do capital financeiro que todo resolve. Así sucedeu durante moito tempo, pero o xogo cambiou, agora hai outros competidores igual de poderosos (como mínimo).

O defecto da arrogancia occidental é que, a medida que proliferan as mentiras, a narración sepárase cada vez máis da realidade, facendo imposíbel a continuación do (falso) relato. É o que ocorre coa Guerra do Leste. Lévase meses e meses afirmando que a Ucraína está gañando a guerra e que Rusia está esborrallándose. Pero a realidade é tan diferente que finalmente, os feitos político-militares son máis poderosos que a falsa narrativa.

Como a famosa contraofensiva ucraína, anunciada insistentemente dende principios de ano. Finalmente, a operación militar acabou nun rotundo fracaso ao pouco de iniciarse, con arredor de trinta mil baixas para o exército de Kíiv e co armamento subministrado pola OTAN fumegando en ruínas.

C. Gallagher en naked capitalism insiste no mesmo ao comparar a arrogancia de Hitler respecto de Rusia coa que experimenta Occidente na Guerra do Leste. Un enfoque que pode saltar en anacos, como ocorreu na última cimeira de Vilnius, cando os flegmáticos británicos acabaron explotando de ira en público polas insolentes demandas do insaciábel Zelenski. Pero, non ía todo tan ben?

As evidencias factuais comezan a ser insoportábeis. Ao imparábel desgaste militar ucraíno e á destrución sistemática do novo armamento occidental cómpre buscarlle algunha saída virtual que permita manter na inopia os espectadores. Por iso, a nova sabotaxe na ponte de Kersch para alimentar a fantasía de vitoria. Aínda que só se maten civís e se revele de forma impúdica a crúa realidade: o terrorismo é a arma dos débiles.

O medo dos manipuladores é que a súa narrativa, sabendo que é falsa, quede ao descuberto. Disto sabe moito o inefábel Feijóo coas súas falsidades patolóxicas. A pena é que hai poucas xornalistas nos grandes medios, como Silvia Intxaurrondo, dispostas a deixar en evidencia os mentiráns.

Comentarios