Opinión

Un narcoestado na UE

A existencia de paraísos fiscais no interior de Occidente é algo tan consubstancial co propio sistema capitalista que incluso son percibidos como un elemento distintivo e glamuroso. É o caso de Suíza, Luxemburgo ou Londres, os máis emblemáticos receptores das grandes fortunas internacionais, como ocorreu hai pouco co rei emérito español, sen que a maioría se inmute máis alá da recorrente condena moral para tranquilidade de conciencias exquisitas. Puro cinismo. Por iso resulta sorprendente unha recente columna de Gallego-Díaz na minoritaria newsletter semanal de El País.

Moi mal teñen que ir as cousas no "xardín" borrelliano para que o xornal máis emblemático dos neoliberais de "esquerdas" se meta no espiñento asunto das mafias da alta finanza. A razón inmediata da columna de Gallego-Díaz foi a fuxida de Ferrovial a Amsterdam grazas ás vantaxes nas operacións de bolsa e a seguridade financeira que ofrece ese país ás transnacionais. Non sei de que se sorprende, esa cidade foi dende o XVII o principal centro financeiro de recepción do ouro español das colonias. Pero a prestixiosa columnista non se quedou no anecdótico repasando en detalle as miserias de Nederland. Lembra a recente dimisión da súa primeira ministra e encargada de Finanzas, Sigrid Kaag, polas ameazas de morte "dunha poderosísima mafia local de narcotraficantes". A realidade é que Holanda é un país de dubidosa normalidade democrática, non se pode dicir outra cousa se a metade dos seus deputados necesitan protección policial por estar ameazados. Aínda máis sorprendente, a princesa herdeira non pode saír do palacio real por non poder garantir a súa seguridade "fronte á poderosa rede do crime organizado".

Pero o anterior só é a punta do iceberg. A finais do pasado ano descubriuse nese país un plan para secuestrar a Van Quickenborne, ministro de xustiza de Bélxica e en 2021 foi asasinado polas mafias do crime organizado Peter R. de Vries, un famoso xornalista de investigación.

Mentres os grandes medios, citando a Europol, sitúan o extremismo de dereitas entre as principais ameazas de seguridade as mafias de tráfico de inmigrantes e o narcotráfico ocupan unha parte considerábel da actividade policial na UE sen que se chegue, nin de lonxe, a albiscar a fin do túnel. O criminólogo Yarin Eski sinala que a tolerancia dos Países Baixos co consumo das "drogas brandas" facilitou os movementos do narcotráfico utilizando a comenencia as complexas infraestruturas do porto de Rotterdam. Incluso o presidente do sindicato da policía, Jan Struijs, non ten reparos en admitir que Holanda ten moitas das características dun narcoestado. Coa distribución do 80% (entre Rotterdam e Amberes) da cocaína que se consume na UE, con asasinatos de xornalistas e avogados, ademais de ameazas á futura raíña, non parece esaxerado.

Esta estrutura criminal está directamente ligada ás redes financeiras de lavado de diñeiro que operan no sector inmobiliario e bancario ao máis alto nivel, coa colaboración de notarios, avogados e asesores financeiros, segundo sinala un estudo realizado pola Universidade Libre de Amsterdam. Norte de Europa ou Chicago anos vinte?

Comentarios