Opinión

Lupercalia

Tense escrito dabondo sobre a orixe do Entroido actual en Occidente como o resultado da fusión sincrética das antigas festas e ritos greco-romanos da fertilidade e a agricultura coas diversas achegas culturais de cada país ao longo dos séculos. Explicaría a diversidade do carnaval no mundo, ao tempo que as celebracións festivas sen límites morais, a mofa dos valores canónicos cotiás e o exceso nos praceres da carne constituirían o nexo común con todas as variantes nacionais e locais. No caso do sueste de Ourense, Taboada Chivite escribiu sobre as figuras tradicionais do Peliqueiro (Laza) ou do Cigarrón (Verín) estabelecendo en esencia a hipótese da orixe tardo medieval do disfrace, que continuaría evolucionando ata o século XIX coa adopción doutros elementos ornamentais resultando no aspecto final que todos coñecemos.

Porén, tanto os rituais como os disfraces do peliqueiro e o cigarrón comparten un forte sedimento arcaico plenamente concordante coas antigas celebracións lupercais romanas (que se celebraban entre o 13 e o 15 de febreiro), ata o punto de resultar unha das características máis xenuínas do seu vestiario e ritual. Refírome á utilización de pelicas de animais, como o lobo ou o carneiro, para cubrir partes do corpo dos oficiantes ou o látego de pel para bater de forma festiva nos participantes, especialmente nas mulleres, como se facía nas antigas lupercais. O uso orixinal do sangue dos animais sacrificados ou do barro para cubrir a cara dos oficiantes de lupercos sería outra coincidencia co uso posterior da cinsa ou a fariña como substitutos máis acaídos ao fluído vermello nas cerimonias de purificación. Así mesmo, o uso das chocas para acompañar os bailes e procesións, ademais dos disfraces de lobo e macho cabrún, metamorfoseados na actualidade na decoración simbólica das mitras dos peliqueiros, completarían as similitudes.

Sobre un aspecto deste último elemento, o sinistro sorriso da carauta mitral, lin recentemente algo que me deixou perplexo. Aparece nunha coñecida enciclopedia de internet que o característico sorriso dos peliqueiros e cigarróns obedece a unha suposta orixe celta da máscara. Segundo esa fonte, o investigador Paul Jacobsthal tería descuberto en Gran Bretaña diversas máscaras co devandito sorriso. En realidade, Jacobsthal utiliza a expresión "estilo do gato de Cheshire" na súa obra Early Celtic Art (1944) para describir o aspecto fugaz e evanescente dalgúns gravados celtas en alusión ao esquivo gato de Lewis Carroll que tiña o poder de ocultar todo ou parte do seu corpo á vista dos mortais. Hainos ousados.

Quizais, e isto só é unha especulación, o máis probábel é que as máscaras orixinais de lobos e carneiros que utilizaban os lupercos do Monte Palatino e da Gallaecia colonial se transformasen co tempo na actual carauta mitral mantendo un dos seus elementos máis característicos –as ameazantes fauces animais– sufrindo a conseguinte metamorfose antropomorfa. 

Por último, un desexo. Sería marabilloso que o remate do ciclo do lobishome dese paso a unha nova época en que o pastoreo, a agricultura e a vida galaica floreza libre de depredadores. Amén.

Comentarios